Publicador de contidos

Publicador de contidos

O EXM referenda a TVG e a Radio Galega como líderes de audiencia

O EXM referenda a TVG e a Radio Galega como líderes de audiencia

A primeira onda do EXM do 2024 sitúa a canle galega como líder en Galicia cun 21 % de cota de luns a venres e 20,6 % no conxunto da semana

A Radio Galega segue a ser a primeira canle pública de Galicia duplicando en audiencia a outra canle pública do país

G24.gal 25/04/2024 08:44 Última actualización 25/04/2024 15:17

O primeiro Estudo Xeral de Medios deste 2024 marca de novo o extraordinario liderado nas audiencias da Televisión de Galicia. Os datos do Estudo Xeral de Medios (EXM), publicado este xoves, sinalan a canle galega a canle máis vista de Galicia cun 21 % de cota de luns a venres e 20,6 % no conxunto da semana.

A TVG é líder con 6,4 puntos máis, de luns a venres, que o seguinte competidor, Antena 3, e a 8,3 da outra canle pública que emite en Galicia (TVE, 12,7%).

No tempo da información do mediodía (entre as 13:00 e as 17:00h) e especialmente co bloque conformado polo ‘Galicia noticias’ e ‘Telexornal mediodía’, a TVG acada o 34,9 % de cota de pantalla, mentres o seguinte competidor, Antena 3, sitúase nunha cota do 16,7 %. A seguinte canle pública, TVE, conta cunha media neste tempo de emisión do 12,5 %. 

E na franxa de noite, (entre 20:00 e as 04:00), a TVG acada tamén o liderado en Galicia cunha cota do 19,2 %, a 6,6 puntos de distancia do competidor máis próximo, (Antena 3 cunha cota do 12,6 %).

Por días da semana, o Estudo Xeral de Medios salienta as cotas de pantalla acadadas pola TVG os martes cun 23,4%, luns cun 22,6% e dos xoves e domingos cun 22,4 %.

Entre as televisións autonómicas reunidas na FORTA, a Televisión de Galicia é tamén é a máis vista tanto de luns a venres como de luns a domingo, e supera en máis de tres puntos ás seguintes canles máis vistas da federación de organismos autonómicos.

A última onda do EXM reflicte de novo a clara posición da Radio Galega como emisora pública máis escoitada de Galicia duplicando amplamente os rexistros da outra emisora pública do país, RNE.

No acumulado anual (abril 2023-marzo 2024) a Radio Galega logra unha media de 158.000 oíntes diarios de luns a venres e 140.000 oíntes diarios de luns a domingo. Estas cifras supoñen un incremento de 1.000 novos oíntes no conxunto da semana e de 8.000 novos oíntes no período de luns a venres con respecto ao ano móbil anterior. En termos porcentuais, supón un incremento de audiencia dun ano a outro dun 5,33 % de luns a venres.

Nese mesmo período acumulado anual, entre abril de 2023 e marzo de 2024, o total do conxunto de emisoras da Corporación de Radio-Televisión de Galicia logran unha media de 180.000 oíntes diarios de luns a venres e de 164.000 oíntes diarios de luns a domingo; significando un incremento do 7,14 % e do 3,8 % respectivamente con 12.000 e 6.000 oíntes máis en cada caso con respecto do ano móbil anterior.

Así, destaca o crecemento de Radio Galega Música, que chega ata os 24.000 oíntes diarios no conxunto da semana, cun incremento do 29,41 % de luns a venres e do 26,32 % de luns a domingo, cunha media de 5.000 novos oíntes diarios máis desde hai un ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade