Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ribeira amosa toda a riqueza de embarcacións tradicionais que hai en Galicia

Ribeira amosa toda a riqueza de embarcacións tradicionais que hai en Galicia

O primeiro encontro de embarcacións tradicionais fíxose nesta mesma vila no 1993

Daquela había cinco asociacións traballando na recuperación do patrimonio marítimo e hoxe son 44

G24.gal 20/07/2025 14:44 Última actualización 20/07/2025 17:00

Un galeón de 1908 é a embarcación máis antiga de Galicia. Empregábase no transporte de mercadorías, e máis dun século despois segue navegando.

"É o barco en activo máis antigo de Galicia, a actividade que tiñan estes galeóns era de transportes de mercadorías: pedra, area, gando incluso, madeira, etc...", explica Cándido Miranda, presidente da asociación sociocultural Sueste.

Galeóns, balandros, gamelas, racús, bucetas ou dornas dan mostra da variedade e riqueza tipolóxica das embarcacións tradicionais galegas.

"De feito, sempre presumimos que somos un dos dous países de Europa que teñen máis diversidade tipolóxica, non tan en cantidade como en variedade", asegura  o presidente da Federación Galega pola cultura marítima e fluvial, Pepe Sacau.

Algúns dos 130 barcos participantes arribaron doutros mares. Un patache chegou navegando desde o País Vasco. Construíuse a partir de planos do século XVIII, e como naqueles tempos navegan sen motor.

"Non só é tradicional, porque hai moitas embarcacións que son tradicionais pero navegan con motor, este é tradicional é auténtico, baseado en planos do século XVIII, e é 100% baseado tanto no método de construción como nas súas características, polo que remas ou navegas a vela, non hai outra opción", explica Eider Arruti, da Asociación Albaola.

Tamén hai un barco orixinario da Patagonia chilena. 

"A embarcación tradicional chilota nace para conectar economicamente o territorio insular da Patagonia chilena. É unha embarcación de 11 metros que conectaba todo o territorio desde 1800", explica Pascal Carte, o patrón desta chilota.

Na xornada do sábado, as 130 embarcacións participantes quedaron amarradas por mor do forte vento do suroeste. O domingo, última xornada do encontro, volven aos seus portos de orixe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade