'Vogue' retrata A Coruña no seu número de novembro
A revista de moda escolle a cidade herculina para ilustrar unha editorial do seu número de novembro
A Coruña e a moda forman un binomio, e proba diso é o último número da revista Vogue. Entre as súas páxinas atopamos un editorial con tendencias de moda para esta temporada ilustrado con fotografías que todos os coruñeses son quen de identificar.
"A primeira hora da mañá xa me preguntaron: saíches na Vogue", conta Jorge Espasandín, copropietario café La Dársena
Nas fotografías vemos a modelo Georgina Grenville posando en lugares moi emblemáticos da cidade.
"É unha honra, a verdade que si", apunta unha rapaza.
Este é un dos lugares elixidos e a ninguén dos coruñeses lle sorprende porque están afeitos a que cada día centos de persoas se retraten aquí.
"A xente que vén dos cruceiros aproveita para buscar este sitio na cidade vella, e logo xa veñen instagramers, influencers ou xente dese estilo que está de moda nas redes, xa a primeira foto que sacan é aquí", explica outra.
Case todas as fotos están ambientadas ao redor do Parrote e a cidade vella. Deste café dos anos 40 quedou conquistado o equipo de Vogue, que improvisou unha das instantáneas.
"Foi algo de sorpresa porque, porque non o esperaba nese momento. O rapaz achegouse, ao fotógrafo, e díxome se había algún problema en facer unhas fotos aquí e abertamente non había ningún problema", continúa Jorge Espasandín
Aínda que o número saíu neste mes de novembro, as fotografías foron realizadas en setembro e o equipo de Vogue pasou de todo menos desapercibido.
"Para facer simplemente, unha, dúas, tres fotos, pois son unha chea de xente, de fotógrafos, de maquillaxe, vestiario.... de todo ou sexa é bonito", conclúe.