Publicador de contidos

Publicador de contidos

Recrean o incendio de Fandicosta para corrixir os erros de coordinación de 2016

Recrean o incendio de Fandicosta para corrixir os erros de coordinación de 2016

A empresa, agora propiedade de Wofco, reviviu o lume que destruíra case por completo as súas instalacións

Nove anos despois, os responsables de emerxencias aseguran que se mellorou moito na xestión destes sinistros

G24.gal 29/10/2025 14:47

Fandicosta volve a 2016 pero para facelo mellor. A pesqueira de Moaña, agora propiedade de Wofco, recreou o lume que hai nove anos devastou as súas instalacións. Foi nun dos maiores simulacros realizados nunca na ría de Vigo e no que participaron unha morea de servizos: os Bombeiros do Morrazo, a Policía Local de Moaña, a Garda Civil, Protección Civil, ambulancias, os gardacostas da Xunta e dous remolcadores da Autoridade Portuaria de Vigo. O reto era, precisamente, coordinalos a todos porque unha das leccións de 2016 foi que a organización dos medios de emerxencia non foi boa.

"Aquí en 2016 houbo un incendio real e descoordinación dos equipos de axuda", asegura Víctor Cabaleiro, o técnico de Quirón Prevención que dirixiu o exercicio.

"Un dos erros que cometemos en 2016 foi que non se estableceu un posto de mando fixo, e hoxe si e así todas as ordes partían dun mesmo lugar", engade Patxi Mariño, o xefe do parque dos bombeiros do Morrazo, que xa actuara no incendio real de Fandicosta.

No simulacro de hoxe recreáronse distintos escenarios. Houbo un incendio industrial, pero nunha zona máis interior ca en 2016, tamén unha vertedura contaminante ao mar e incluso se simulou unha nube tóxica, como pasara entón. Mentres os traballadores de Wofco eran evacuados, chegaban os bombeiros. Logo, apareceu un remolcador para disparar auga dende o mar sobre o lume que había nas naves.

"Si, aprendeuse moito. Dentro do posto de mando está integrado todo o mundo e eu, como responsable do posto de mando, teño información de bombeiros, Autoridade Portuaria, Policía Local", explica o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo.

"Traballar en equipo e que faga falla falar o menos posible. Que cada un saibamos o que temos que facer ao chegar ao punto", completa a presidenta de Protección Civil de Moaña, Mónica Chaves.

A diferenza do que pasara en 2016, cando non houbo feridos, no simulacro de hoxe morreu unha suposta vítima. Pero a realidade é que o incendio que se recreaba era máis grave. É un exercicio que están obrigadas a facer moitas grandes empresas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade