Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia afronta a folga no transporte de pasaxeiros para reclamar os convenios

Galicia afronta a folga no transporte de pasaxeiros para reclamar os convenios

O principal motivo da folga é a protesta pola paralización na negociación dos catro convenios provinciais

G24.gal 30/03/2023 19:40 Última actualización 30/03/2023 21:59

Galicia afronta este venres unha xornada de folga no transporte de pasaxeiros para reclamar novos convenios colectivos nas catro provincias. Os sindicatos convocantes CIG, CCOO e UXT denuncian uns servizos mínimos abusivos e lembran que o principal motivo da folga é a protesta pola paralización na negociación dos catro convenios provinciais.

Segundo fontes sindicais, os convenios seguen sen avanzar na Coruña, Ourense e Pontevedra, mentres que en Lugo nin sequera se convocan xuntanzas. Outras razóns para convocar o paro son a denuncia da situación precaria do sector e os problemas de seguridade nos autobuses.

Os sindicatos explican que a patronal ofrece unha suba salarial dun 0,8 % —o IPC subiu en Galicia un 6,4 % entre xaneiro de 2022 e xaneiro de 2023— sen cláusulas que garantan o mantemento do poder adquisitivo. Tampouco quere entrar a negociar ningunha mellora relativa á xornada ou ás condicións laborais e sociais dos cadros de persoal.

CIG, CCOO e UXT acusan a Xunta de precarizar o sector pola deterioración nas condicións de traballo e do servizo, como algo derivado dos contratos licitados polas consellerías de Mobilidade e Educación nos últimos anos, infradotados de orzamento.

Os sindicatos tamén cuestionan a situación da flota de vehículos ao observar que de xeito xeral non está en bo estado, con autobuses antigos, sen mantemento axeitado nalgúns casos e con avarías. Din que a antigüidade dos vehículos é, en ocasións, superior á esixida nos contratos da Xunta, polo que instan a unha inspección.

A folga ten lugar xusto antes das festas da Semana Santa, e tamén en plena polémica desde que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia solicitou a Competencia que sancione a Monbus e Alsa por "indicios de repartir o mercado".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade