Un bus queda atascado na rúa das Rodas, en Santiago, e obriga a desviar o tráfico
Quedou bloqueado sobre a beirarrúa ao ceder o paso a outro que baixaba en sentido contrario
O incidente produciuse nunha curva moi pechada pola que non poden circular dous buses ao mesmo tempo
Atrancado nunha escaleira da beirarrúa e cos pasaxeiros axudando a manobrar. Así quedou este bus urbano despois de cederlle o paso a outro que circulaba no sentido contrario na curva das Rodas. O incidente obrigou a desviar o tráfico durante unha hora e puxo de relevo, unha vez máis, o complicado que o teñen os buses se coinciden nunha curva tan pechada.
Os choferes non poden quitar ollo deste espello, posto que é imposible que dous buses fagan a curva ao mesmo tempo. De feito non é a primeira vez que aquí se producen bloqueos como o de onte, colisións e mesmo algún atropelo a peóns.
O problema vén de vello pero os buses son cada vez máis grandes, e o tráfico cada vez máis intenso. Algúns veciños propoñen que os buses suban pola rúa Valle Inclán, pero o estado do pavimento e a súa protección patrimonial fan que, polo momento, esta alternativa non sexa viable.
O que si está en vía de solución é estoutro punto conflitivo da mesma rúa das Rodas. O Concello xa anunciou que vai poñer un paso de peóns elevado para poder cruzar con seguridade cara á Galiña Azul. Un alivio para os veciños, dado o intenso tráfico que rexistra o barrio, sobre todo na hora dos colexios.