Piden axuda para as persoas obrigadas a deixar unha pensión para xente con poucos recursos de Vigo
O hostal vai pechar a final de ano e vinte e un residentes necesitan outra vivenda
A asociación de veciños do Freixeiro reclama que a Xunta ou o Concello faciliten o seu realoxo
Son persoas con poucos ingresos que agora pagan entre 200 e 250 euros por un cuarto
O barrio do Freixeiro, en Vigo, pide axuda para uns veciños particulares. Son os residentes dunha histórica pensión, Nuestra Señora del Carmen, que ofrece aloxamento accesible para persoas con poucos ingresos. Alí viven, de xeito estable, vinte e un homes. Son todos varóns, a maioría de idade avanzada, e todos cunha situación económica difícil: cobran pensións baixas ou reciben axudas públicas.
Ata agora estaban ben alí pero os donos do edificio comunicáronlles que a final de ano vai pechar. A familia que rexenta o negocio quere retirarse e ademais teñen a oportunidade de vender o terreo. Os residentes buscan outro aloxamento pero non o teñen doado. Arestora pagan entre 200 e 250 euros por un cuarto, tendo en conta que só ingresan cincocentos, seiscentos ou setecentos euros ao mes.
"Somos persoas un pouco maiores e iso tamén inflúe. Eu, por exemplo, teño unha pensión pero non é suficiente", explica Eusebio García, que leva cinco anos vivindo na pensión.
"Non faltei nunca ao pagamento. Adiántome sempre un mes, porque podo. E iso que só cobro 771 euros", asegura Manuel Iglesias, outro dos residentes.
Os inquilinos están a buscar novos aloxamentos. Os alugueiros en Vigo, como en tantos outros municipios, están moi altos. Conseguir unha habitación individual ou un apartamento vaise por riba dos catrocentos euros. Aínda así, atoparon algún piso que poderían pagar entre varios pero aí dan con outro problema: pídenlles avais ou fianza. E necesitan que alguén lles axude con ese trámite.
"Aí veriámonos moito máis arroupados e poderiamos conseguir algo entre todos. Se non, creo que nos vemos na rúa", sentenza Marcos Veloso, un parado de 55 anos que cobra a prestación por desemprego.
Por iso, os residentes, piden a axuda da administración. Que a Xunta e o Concello de Vigo lles faciliten un aval ou unha vivenda para poder mudarse a partir do un de xaneiro. Con eles está a asociación de veciños A Pontenova, do barrio de Freixeiro, que mantivo contactos con varios organismos pero, de momento, sen conseguir unha solución.