Publicador de contidos

Publicador de contidos

A gran recollida agarda reunir dez millóns de quilos de alimentos

A gran recollida agarda reunir dez millóns de quilos de alimentos

Irán destinados a encher os almacén dos 54 bancos de alimentos que conforman FESBAL

G24.gal 08/11/2025 14:32 Última actualización 08/11/2025 14:48

Se foron ao supermercado probablemente xa se cruzaron con algún dos miles de voluntarios que estes días fan posible a gran recollida organizada pola Federación Española de Bancos de Alimentos.

O obxectivo é encher despensas e cubrir así as necesidades básicas das familias vulnerables. En España, ao redor de doce millóns e medio de persoas están en risco de pobreza ou de exclusión social.

O Banco de Alimentos da Provincia da Coruña atende arredor de 24.000 persoas. Nestes momentos os andeis dos seus almacéns están practicamente baleiros.

"Non temos stock. Agora coa gran recollida tardaremos un mes e pico en facer a clasificación. Se temos sorte chegaremos aos 170.000 quilos", explica Manuel Mora, presidente do Banco de Alimentos Provincia da Coruña.

Agardan que a gran recollida permita reunir alimentos básicos abondos para cubrir as necesidades dos usuarios durante os próximos cinco meses. Necesitan, sobre todo, produtos envasados e precociñados, aceite e alimentos para os almorzos, como leite e cereais.

"Hai moita crise e moita necesidade. Todo o que poidamos achegar cada un contribúe a mellorar a situación das persoas que máis o precisan", di Beatriz Otero, unha das voluntarias que colabora co Banco de Alimentos.

Ademais de doarmos alimentos, tamén podemos realizar unha achega económica na liña de caixas dos supermercados. "Dámolo todo" é o lema da gran recollida deste ano, unha iniciativa posible grazas ao labor altruísta dos voluntarios.

"Ves como se van enchendo as caixas, as facianas dos nenos cando entregan unha caixa de leite e levas esa satisfacción, a sensación de que fixeches algo por alguén", comenta Ana Rosa Comonte, outra voluntaria.

O obxectivo é chegar aos dez millóns de quilos de alimentos. Máis de 11.000 establecementos de toda España participan nesta acción solidaria.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade