A asociación Acougo busca voluntarios para facer de "avós e tíos" de crianzas en situación vulnerable
A asociación Acougo busca voluntarios para facer de "avós e tíos" de crianzas en situación vulnerable
O coidado dos fillos obriga ás veces a buscar mans que axuden no día a día
Na busca deste apoio para familias en situación máis vulnerable bota a andar un programa da Administración galega e a asociación Acougo
Neste momento necesitan persoas dispostas a colaborar con tres familias de Santiago
Uns 50 concellos mostraron xa interese no programa de familias que apoian familias que bota a andar en Galicia. Trátase dunha iniciativa innovadora que quere crear unha rede de apoio para coidado das crianzas en situación máis vulnerable.
"Este é un programa de prevención para evitar que estas crianzas acaben no sistema de protección e isto trabállase a nivel local". "O que para o resto de persoas son os avós, tías, amigos que botan unha man, que fan ese labor de axudar a familia cando teñen dificultades e que moitas familias aquí agora non o teñen", di Carmen Dourado, directora de Acougo.
Eses avós ou tíos que tanto se botan en falta serán os voluntarios. A asociación Acougo busca persoas dispostas a doar unha parte do seu tempo a facilitarlle a conciliación a quen ten máis obstáculos laborais, económicos e sociais.
A experiencia xa está en marcha en Ferrol. Ourense, Vigo e Santiago serán as seguintes.
"Agora mesmo precisamos (voluntarios) para tres familias que xa están precisando axuda. Xa están os servizos sociais traballando con elas e pídennos a nós que lles acheguemos familias que estean interesadas e evitemos a institucionalización deses nenos", conta Carmen Dourado.
Un tempo e unha dedicación que pode significar moito, tanto como evitar a entrada do menor nun centro e que a familia biolóxica manteña a tutela.
O programa piloto xorde froito dun convenio da Dirección Xeral de Igualdade da Xunta e a Asociación Acougo, de familias de acollida.