Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os triunfos no Mundial disparan a febre pola camiseta branca da selección española

Os triunfos no Mundial disparan a febre pola camiseta branca da selección española

A segunda indumentaria de España compite coa vermella como favorita da afección

Moitos levan réplicas case idénticas ás orixinais pero ata catro veces máis baratas

G24.gal 07/07/2026 14:59 Última actualización 07/07/2026 15:49

Hainas de Messi e de Ronaldo pero este Mundial a que vai gañando é a Roxa, aínda que non sexa a vermella senón a branca. A segunda camiseta da selección española de fútbol converteuse nunha das prendas da temporada este verán. O deseño en cor branca triunfa non só entre os moi afeccionados ao fútbol. Nin sequera só entre os afeccionados españois.

"A branca é especial, é a mellor", explica un turista inglés que acaba de mercar unha camiseta de España antes de volver ao cruceiro que o trouxo de visita a Vigo.

Aínda que sexa unha réplica. Porque son moitos os que mercan as camisetas na Internet ou directamente na rúa, aos vendedores ambulantes que percorren vilas e cidades. E poucos ven diferenzas coa roupa orixinal.

"Si, nos parches nótase que o material é diferente pero polo menos son os mesmos. Eu mirei na Internet e non vin ningunha diferenza", aseguran Rares e Mateo, dous irmáns de Cáceres que mercaron camisetas, un a vermella, o outro a branca, a 18 euros cada unha.

Si que son diferentes os prezos, claro. Unha copia pode chegar a custar ata catro veces menos ca unha camiseta auténtica.

"Eu pagueille 25 euros a un rapaz que vende aquí camisetas. E non noto diferenza. teño comprado máis e ben", relata un mozo de Vigo que loce a camiseta da selección do Brasil.

"Non é orixinal, merqueina na rúa", admite unha muller que este martes apoia a Colombia coa súa camiseta amarela.

Os vendedores das réplicas prefiren non falar. Pero todos coinciden: este verán a camiseta que máis lles piden é a branca. E canto máis avance España no Mundial, máis demanda esperan ter.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade