Publicador de contidos

Publicador de contidos

Enyd López: "Os PERTE non cumpren as expectativas creadas"

Enyd López: "Os PERTE non cumpren as expectativas creadas"

A directora xeral de Impulsa Galicia considera preciso flexibilizar os PERTE para encaixar os grandes proxectos

G24.gal 18/03/2023 11:52 Última actualización 18/03/2023 12:31

A directora xeral da sociedade Impulsa Galicia, Enyd López, asegura na Radio Galega que "os PERTE non están cumprindo as expectativas creadas" polo que considera preciso "flexibilizar" criterios para que proxectos de envergadura -como de Altri en Palas de Rei- teñan encaixe.

López así o aseguraba nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana na que falou do labor de Impulsa Galicia, unha sociedade público-privada promovida pola Xunta para axilizar iniciativas empresariais ao abeiro dos Fondos Europeos de Recuperación.

"Os PERTE non están cumprindo, ata a data, as expectativas creadas. No seu deseño actual obríganlles aos promotores a ter que presentar os grandes proxectos a pequenas convocatorias que non responden ás necesidades deste tipo de iniciativas, optando polo tanto a cantidades moito máis pequenas de financiamento das que realmente necesitaría o proxecto".

Dende Impulsa Galicia promóvense proxectos como o da fábrica de fibras téxtiles de Altri en Palas, unha factoría de hidróxeno verde ou de xeración de biogás e fertilizantes a partir de excedentes dos residuos gandeiros.

Segundo Enyd López, está sendo "difícil" de encaixar proxectos como o de Altri nestas convocatorias polo que considera "importante flexibilizar os PERTE" e "é importante identificar mecanismos que permitan que os proxectos poidan obter os apoios necesarios para a súa execución". 

A sociedade Impulsa Galicia foi creada en abril de 2021 pola Xunta, nun 40 por cento, por Abanca, que participa nun 38, por Reganosa e por Sogama que participan nesta sociedade nun 12 e nun 10 por cento respectivamente.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade