"Nós somos máis de Santiago que de partido"; os expulsados do PSOE xa son non adscritos
O Pleno do Concello oficializou a decisión do PSOE de expulsar catro dos concelleiros que formaran parte das súas listas nas pasadas eleccións
O grupo socialista queda con só dous edís na capital galega, tras ser o partido que máis anos gobernou Santiago
Besteiro di que o PSdeG aspira a “recuperar protagonismo” en Santiago
O pleno do Concello de Santiago oficializou este venres o paso á situación de non adscritos de catro dos seis edís que obtiveron representación en 2023 como integrantes da lista socialista tras case un ano de conflitos coa dirección local do partido, e que se iniciou cando o 23 de xuño desobedeceron a disciplina de voto nun pleno en que se abordou unha cuestión relativa ás vivendas de uso turístico e que derivou nunha serie de sancións que acabou por expulsar a estes catro concelleiros.
Deste xeito os catro concelleiros expulsados do partido polo PSOE, Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez, consuman “a perda de dereitos” que supón este paso “en termos de representatividade”, xa que serán excluídos de máis de 25 órganos de participación e representación institucional.
Mentres tanto, o PSOE compostelán, o partido que gobernou na capital galega durante máis anos en democracia, queda desde este venres só con dous concelleiros.
A modificación da representación nesas comisións aprobouse cos votos favorables dos partidos no goberno -BNG e Compostela Aberta-, os dous edís do PSOE e tamén dos catro edís non adscritos, pero coa abstención do PP.
Neste debate, o que ata o de agora era portavoz socialista, Gonzalo Muíños, mostrou o malestar del e dos seus compañeiros ante a celebración deste pleno sen que a xustiza se pronunciase sobre as medidas cautelares que solicitaron contra a súa expulsión do partido, ratificada pola Comisión Federal de Ética e Garantías do PSOE.
Dixo que, con esta decisión, prodúcese un “quebranto da tutela xudicial efectiva” e dos dereitos dos edís.
A celebración do pleno baséase nun informe do secretario municipal que avala que as resolucións da Comisión Executiva Federal do PSOE para expulsar estas catro persoas conteñen unha "motivación" e que foron "ditadas polo órgano competente".
Muíños lamentou así que se permita unha “intromisión e distorsión” dos resultados electorais das eleccións de 2023 porque, reprochou, parece que “pesan máis as decisións dun órgano de partido que as decisións dos veciños”.
“A pesar de todo aquí seguiremos”, proclamou Muíños, que asegurou que todos eles a pesar de servir ao PSOE “durante moitos anos e con lealdade” quedarán no concello aínda coa perda de dereitos porque “somos máis de Santiago que de partido”, proclamou.
En todo caso, Muíños considerou que a decisión adoptada este venres é “moi difícil de xustificar ante a cidadanía” porque unicamente segue as directrices do líder do PSOE provincial da Coruña, Bernardo Fernández, que hai uns meses recoñeceu “que lle importaba un ovo quedar sen grupo municipal” na capital galega.
O único obxectivo dos cargos socialistas que agora encabezan a agrupación local e provincial é, segundo o concelleiro non adscrito, “borrar os nosos nomes do PSOE, ao que servimos durante moitos anos con lealdade e relegarnos ao ostracismo político”.
Tras el, interveu o que agora é novo portavoz do PSOE no Concello, Gumersindo Guinarte, que expuxo que neste pleno extraordinario o único que se fai é “cumprir as normas, nada máis”.
Desde hoxe, os catro concelleiros expulsados do PSOE, e que contan con experiencia de goberno en anteriores mandatos municipais, perden a súa presenza no Consorcio, no consello de administración da empresa municipal de transporte urbano TUSSA, en Incolsa, en Mercagalicia, Uninova, Emuvissa e no Consello Reitor do Auditorio de Galicia.
Ademais, non participarán en comisións especiais como a de suxestións e reclamacións, a encargada de analizar a xestión do ciclo da auga, a de estudo dos aparcamentos, a de memoria histórica e a comisión asesora da cidade histórica.
Besteiro di que o PSdeG aspira a “recuperar protagonismo” en Santiago
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, dixo que o seu partido aspira a “recuperar protagonismo” en Santiago de Compostela a pesar de que desde hoxe conta coa súa representación máis baixa no concello ao quedar só con dous concelleiros.
Cuestionado sobre a situación na que queda o partido na capital galega, Besteiro considerou que o paso dado hoxe no Concello é o “reflexo” dunha situación que se produciu no partido tras a que catro dos seis concelleiros foron expulsados da organización.
Con todo, o líder do PSOE galego dixo que se traballará para que a cidade “se reconcilie co pasado do PSOE” compostelán e para iso contarase “con toda a potencia que ten o Partido Socialista hoxe na actualidade”.
Ademais dos edís no Concello, Besteiro lembrou que o PSOE goberna a nivel estatal e tamén na Deputación da Coruña, así como en moitos municipios da área Compostela.
Insistiu así en que a formación recuperará “a confianza” dos composteláns da man de “todo ese grande equipo humano de homes e mulleres que se afanan no proxecto socialista”.
O dirixente do PSdeG avanzou a intención de presentar un proxecto nas próximas municipais que supoña “máis avance” para a cidade debido a que, ao seu xuízo, baixo a batuta do goberno do BNG e Compostela Aberta, a cidade vai “un pouco a ralentí”.