Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ferrol contará cunha nova unidade de saúde mental para nenos e mozos despois do verán

Ferrol contará cunha nova unidade de saúde mental para nenos e mozos despois do verán

O conselleiro de Sanidade destaca que van contratar 244 psiquiatras e psicólogos clínicos para reforzar o servizo en Galicia

O obxectivo da Xunta é que cada unha das sete áreas sanitarias conte cun espazo específico para atender os problemas dos máis novos neste ámbito

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, este venres en Ferrol
G24.gal 16/05/2025 15:15

A atención á saúde mental dos mozos é unha das prioridades da asistencia sanitaria en Galicia. O obxectivo, segundo a Xunta, é que cada unha das sete áreas sanitarias conte cun espazo específico para atender os problemas desta franxa de idade. A nova unidade de Ferrol estará prestando asistencia despois do verán.

Os problemas de saúde mental afectan a todas as franxas de idade. Pero inciden dun xeito especial na primeira e na última etapas da vida. A pandemia veu agravar este tipo de doenzas na infancia e na adolescencia

"A demanda multiplicouse. A asistencia a Urxencias tamén, de forma moi importante", asegura Alberto Durán, xefe de Psiquiatría do CHUF.

Trastornos no comportamento e hiperactividade están entre as consultas que máis atenden os especialistas. O pasado ano, máis de 5.200 tan só na Área Sanitaria de Ferrol. Para mellorar a asistencia que reciben os pacientes estase habilitando unha nova unidade de atención que contará cun hospital de día, un paso intermedio entre a consulta e a hospitalización. 

"O obxectivo principal é reducir a necesidade de hospitalización psiquiátrica dos que presentan os problemas máis complexos de saúde mental. Así os nenos poden seguir na súa casa, coa súa familia e na súa contorna", destaca Durán.

Será un espazo acolledor que estará operativo despois do verán. E contará con todo tipo de profesionais ao servizo dos pacientes. Un esforzo investidor que se enmarca na aposta da Xunta de Galicia por mellorar a atención á saúde mental.

"Vanse contratar 244 profesionais, tanto psicólogos clínicos como psiquiatras, conseguindo aumentar a taxa que temos en Galicia destes profesionais, 8,6 por cada 100.000 habitantes no caso dos psiquiatras e 5,2 no caso dos psicólogos clínicos", explica o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.

Unhas cifras, di a Xunta, que avala o informe do Consello de Contas sobre o Plan de Saúde Mental de Galicia

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade