Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tras o apagamento, o PP achégase a 2,7 puntos do PSOE, segundo o CIS

Tras o apagamento, o PP achégase a 2,7 puntos do PSOE, segundo o CIS

O PSOE seguiría sendo o partido máis votado, co 32 % dos votos, segundo o Centro de Investigacións Sociolóxicas

Sánchez e Feijóo, este mércores no Congreso (EFE/JP Gandul) Sánchez e Feijóo, este mércores no Congreso (EFE/JP Gandul)
G24.gal 14/05/2025 14:00 Última actualización 14/05/2025 14:26

O PSOE seguiría sendo o partido máis votado co 32 % dos votos, pero o PP recorta a distancia que lle separa dos socialistas a 2,7 puntos no último barómetro do CIS, con enquisas realizadas xusto despois do grande apagamento eléctrico e das incidencias ferroviarias de comezos de maio.

A mostra, a partir de 4.018 entrevistas entre o 5 e o 8 de maio, detecta unha caída de 0,6 puntos na estimación de voto do PSOE, fronte a unha subida de 3,2 puntos no caso do PP, que alcanza o 29,5 % dos sufraxios despois de que hai un mes quedou a 6,5 puntos dos socialistas.

Vox, pola súa banda, cae 1,5 puntos e mantense en terceiro lugar co 13,7 % do voto estimado, en tanto que Sumar baixa unha décima (6,1 %) e Podemos sobe tres ata o 4,3 %.

Este barómetro concede ao BNG unha intención de voto do 1 %, dúas décimas máis que hai un mes.

Os independentistas de ERC conseguen o 1,6 %, catro décimas menos que en abril, e Junts repite o seu 1,1 %; Se acabó la fiesta, o partido de Luis 'Alvise' Pérez, experimenta un retroceso de 0,4 puntos e baixa ao 1,5 por cento de apoio electoral. Por baixo, o PNV co 1,1 %, e EH-Bildu, que descende a un 0,8 %.

Os líderes non saen do suspenso

O líder socialista Pedro Sánchez é o preferido como presidente do Goberno para o 25,4 % dos enquisados, mentres que o do PP, Alberto Núñez Feijóo, só o é para o 10,2 %, seguido de Santiago Abascal (Vox), ao que apoia o 7,4 %. Iso si, un maioritario 27 % contesta "ningún deles" ao preguntarlle polos principais líderes políticos.

Neste barómetro tampouco logran o aprobado ao seren avaliados polos cidadáns, como xa é habitual nos barómetros do CIS.

Sen apenas variacións respecto a hai un mes, o que máis nota obtén segue sendo o presidente do Goberno, cunha media de 4,15, seguido da vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz (3,89), con Feijóo xusto por detrás (3,78), e o presidente de Vox, Santiago Abascal, en último posto (2,9).

A vivenda mantense como primeiro problema

A vivenda segue encabezando a lista das principais preocupacións dos cidadáns, ao ser citada como un problema polo 25,5 % dos enquisados; seguida dos problemas políticos (19,7 %), o paro (19,2 %), a crise económica (19,1 %) e os gobernos e partidos (18,1 %).

A inmigración como problema cae á sexta posición, citada polo 15,5 % dos entrevistados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade