Europa empraza a Putin a sentar a negociar con Ucraína e ameaza con máis sancións
A UE prepara novas sancións a Rusia contra gasodutos e sector financiero
Macron di que Trump organizará "conversacións coa parte rusa" en breve
Sánchez lidera un encontro europeo que esixe a Israel a fin do bloqueo a Gaza

Líderes de toda Europa elevaron este venres a presión e ameazaron con máis sancións ao presidente ruso, Vladimir Putin, para que sente na mesa de negociacións co seu homólogo ucraíno, Volodimir Zelenski, despois de que na véspera rexeitase ir a un encontro cara a cara en Turquía para tentar pechar un cesamento do fogo.
Máis de corenta xefes de Estado e de Goberno europeos, os presidentes da Comisión e o Consello Europeo ou o secretario xeral da OTAN, entre outros, reuníronse este venres en Tirana para a sexta edición do cume da Comunidade Política Europea, un formato impulsado polo francés Emmanuel Macron en 2022 que tres anos despois mantén a invasión rusa de Ucraína no máis alto da súa axenda.
Foi un encontro pouco coreografiado e aberto a moitos encontros espontáneos entre líderes, algo que permitiu que os mandatarios de Alemaña, Ucraína, Francia, Polonia e Reino Unido sentasen ao redor dun mesmo teléfono para falar co presidente estadounidense, Donald Trump, sobre as conversacións entre as delegacións rusa e ucraína este venres en Turquía.
Macron, adiantou que Trump, organizará conversacións telefónicas "nas próximas horas ou días" coa parte rusa "para saber que pasou" sobre o cesamento do fogo proposto para Ucraína.
"Os meus propios equipos estiveron en contacto en Turquía cos equipos ucraínos e os británicos e alemáns (...) O presidente Trump conta con organizar conversacións coa parte rusa para saber que pasou (co alto ao lume) e tentar avanzar", dixo Macron.
O presidente francés non citou se nesas conservacións estará o líder ruso, Vladímir Putin. Contou ademais que a parte rusa comprometeuse a "responder a Ucraína" sobre as propostas que Kiev lle fixo en Istambul.

Pídenlle a Israel a fin do bloqueo a Gaza
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, encabezou este venres en Tirana o encontro con líderes europeos comprometidos coa crise de Gaza, no marco da sexta reunión da Comunidade Política Europea. Os participantes esixiron a Israel que poña fin ao bloqueo humanitario e deteña a ofensiva militar, ante unha situación que cualificaron de "devastación".
Na reunión, organizada á marxe da xuntanza principal, participaron a primeira ministra de Islandia, os primeiros ministros de Noruega, Eslovenia, Luxemburgo e Malta; e tamén se sumou o primeiro ministro de Irlanda, Micheál Martin, a través da súa sinatura nunha declaración conxunta. Todos coincidiron en que non quedarán calados ante a catástrofe humanitaria que vive a poboación gazatí.
Alto o fogo e apoio á autodeterminación palestina
No documento conxunto, os sete líderes instaron a Israel a deterse de inmediato, a levantar o bloqueo e a permitir unha axuda humanitaria segura, rápida e sen impedimentos. Apostaron pola solución de dous Estados e defenderon o dereito do pobo palestino á autodeterminación.
Ademais, reclamaron un alto o fogo, a liberación de todos os reféns e apoio pleno ás organizacións humanitarias, incluída a UNRWA. Denunciaron tamén a escalada de violencia en Cisxordania, o incremento das operacións militares, os asentamentos ilegais e o desprazamento forzoso da poboación palestina, que cualificaron de violación do dereito internacional.
“Só a paz pode garantir a seguridade de palestinos, israelís e da rexión”, recolle a declaración. “Debemos asumir a responsabilidade de deter esta devastación”, engadiron os asinantes.
España impulsará unha resolución na ONU
Fontes do Goberno español confirmaron que Sánchez fará un chamamento ao diálogo euro-árabe este sábado no cumio da Liga Árabe en Bagdad, onde foi convidado como mostra de recoñecemento á postura española no conflito palestino-israelí. Alí tamén buscará apoios para unha resolución que España presentará ante a Asemblea Xeral das Nacións Unidas para reclamar a fin do bloqueo e o acceso humanitario á Franxa.
“É hora de actuar pola paz e pola aplicación efectiva dos dous Estados”, escribiu Sánchez nas redes sociais tras a reunión. Tamén reiterou que “os bombardeos deben parar de inmediato porque a situación é insoportable”.
Reacción de Israel
O impulso do presidente español á iniciativa de Tirana chegou dous días despois de que Israel convocase a embaixadora española en Tel Aviv, Ana Salomón, en resposta a unhas declaracións de Sánchez no Congreso, nas que asegurou que o seu Executivo non comercia “cun Estado xenocida”. A resposta xurdiu tras unha acusación do portavoz de ERC, Gabriel Rufián.
Outros líderes europeos tamén fixeron referencia á situación en Gaza durante o cumio.
O presidente do Consello Europeo, António Costa, cualificouna de “auténtica traxedia” e pediu condicións para avanzar cara á solución dos dous Estados. O presidente francés, Emmanuel Macron, reclamou que Europa denuncie “a situación inaceptable” de Gaza para manter a súa credibilidade internacional fronte á guerra en Ucraína.
Sánchez pide máis investimentos en interconexións despois do apagamento xeral
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, instou os líderes europeos a reforzar a resiliencia da rede eléctrica e a investir máis en interconexións entre países.
Esta demanda adquire especial relevancia tras o apagamento que afectou a toda a Península Ibérica o pasado 28 de abril.
Sánchez advertiu de que "investir a nivel nacional non é suficiente" e que cómpre reforzar a infraestrutura compartida para garantir a seguridade enerxética.
Durante a súa intervención nunha das mesas centradas en innovación e resiliencia, Sánchez asegurou que as enerxías renovables son a opción máis competitiva para revitalizar a industria europea, reducir a dependencia exterior e liderar a resposta á crise climática.
O presidente tamén defendeu a coordinación dunha axenda común de competitividade para garantir a seguridade económica e a prosperidade cidadá nun contexto de incerteza global e crise do multilateralismo. "Non hai competitividade nin prosperidade sen cohesión social", afirmou.