As mensaxes de WhatsApp de Sánchez a Ábalos: "Botei de menos traballar contigo"
O PSOE e o Goberno tachan as mensaxes de irrelevantes e piden que se investigue a filtración
Feijóo ve un presidente en "pánico"
O Supremo rexeita investigar o rescate de Air Europa ao non ver indicios contra Ábalos
Catro meses despois de cesalo fulminantemente e sen explicacións, Pedro Sánchez toma a iniciativa e tenta recuperar o contacto co que fora a súa man dereita. Faino para apoialo cando estaba a ser acusado de prácticas delituosas. Ábalos recolle o guante e desde aí, pouco a pouco, vaise normalizando unha relación que culmina cun premio: un posto de saída nas listas ao Congreso.
Durante este tempo, o exministro de Transportes, préstalle asesoramento político. A finais de xullo de 2023, unha semana despois dos comicios, Sánchez agradécello e confésalle que botou de menos traballar con el e que valora moito o seu criterio político e a súa amizade. No Goberno e no PSOE ven estas mensaxes irrelevantes e piden que se investigue a filtración. Para o PP, demostran que Sánchez sabía o que estaba a facer Ábalos e tapouno. Para Núñez Feijóo, España non se merece un goberno "colapsado" e un presidente en "pánico".
Pedro Sánchez tiña dous baróns enfilados, o expresidente de Aragón, Javier Lambán e o actual presidente de Castela-A Mancha. O líder socialista dedicoulle cualificativos coma "petardos" ou "hipócritas". Emiliano García-Page saca dúas conclusións: que Ábalos e o presidente eran uña e carne e que os presidentes que estaban antes da chegada de Sánchez, atopáronse de repente cun ambiente hostil e que, xeralmente, se foi agravando.
Javier Lambán, pola súa banda, confirma que tivo entre tres e catro enfrontamentos dialécticos por teléfono con Sánchez e que lle sorprendeu a "ira" e as reaccións "iracundas" do presidente. Cre que estaba obsesionado con calar as voces críticas no partido. Un obxectivo que, lamenta, finalmente conseguiu.