"Non podes imaxinar como unha embarcación así pode estar tan preto da costa"
Kike Vila, nadaba a carón do falecido, Juan Tábara, en Sanxenxo e fala dun suceso inxusto e explica que cando se produciu o accidente estaban a 170 metros da beira
A Garda Civil xa tomou declaración a varias testemuñas do caso, que asumiu un xulgado de Cambados
Un xulgado de Cambados asume o caso do accidente mortal da pasada fin de semana en Sanxenxo, onde un bañista perdeu a vida tras ser atropelado por unha lancha de competición.
Un dos testemuños para esclarecer este tráxico suceso é o do nadador que acompañaba a vítima nese momento na praia de Silgar. Ese nadador é Kike Vila. Conta que o venres pasado, pouco antes das seis da tarde, meteuse no mar de Silgar para nadar con Juan sen ningunha sensación de perigo.
Explica quedou con Juan Tábara en Sanxenxo para inaugurar a súa temporada de baño. Ía bo tempo e o mar estaba tranquilo. Así que cos seus neoprenos, as boias de sinalización e os seus gorros reflectores metéronse na auga para facer unha travesía de 1.500 metros, ida e volta, que é o que acostumaban facer, e tomaron como referencia un iate que estaba fondeado.
"Eu ía diante del, marcando un pouco o rumbo, Juan ía seguindo a miña boia e ía un pouco máis atrasado", explica. "Cando cheguei á altura dun barco de recreo que estaba alí, xa empezan a facerme xestos e dinme: 'Vai para atrás, vai para atrás que ao teu amigo pasoulle unha lancha por enriba'".
Daquela mesmo nadou ata Juan. Os tripulantes dun iate de recreo que estaba na zona foron quen de auxilialos nun primeiro momento. "Eles foron os que conseguiron subirme a min e a Juan, e alí nos dimos conta da gravidade e que era irreversible", relata Kike.
"Cando nas fotografías vin o tipo de embarcación que era non daba crédito. Non podes imaxinar como ese tipo de embarcación pode estar tan preto da costa", lamenta.
"Nós levabamos os GPS, e Juan estaba no momento do incidente a 170 metros en perpendicular á beira", explica.
Di que a distancia permitida está nos 200 metros. Agora cualifica este suceso de inxusto porque cre que se puido evitar.
A investigación segue aberta e, polo momento, sábese que xa lles tomaron declaración aos tripulantes da lancha implicada neste accidente mortal.
Os investigadores tratan agora de aclarar se o accidente tivo lugar na zona de baño da praia de Silgar. Tamén cal era a velocidade da embarcación no momento do golpe.
Son cuestións clave para determinar se existe ou non responsabilidade penal por parte do piloto da lancha. De momento, non figura ningunha persoa como investigada na causa.