Morre un home de avanzada idade en Ferrol tras unha caída nunha lancha
O falecido estaba chegando ao peirao de Curuxeiras cando sufriu o accidente, que puido ser causado por un infarto ou algún tipo de indisposición

Un home de avanzada idade faleceu en Ferrol este xoves á mañá tras sufrir unha caída na lancha na que navegaba.
Segundo o relato da persoa que ía con el, o falecido caeu cando se achegaban ao peirao de Curuxeiras. Ocorreu contra ás 07:15 da mañá, e tras o aviso solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e de distintos efectivos das forzas de seguridade, e tamén de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia e da Autoridade Portuaria.
No lugar, os servizos sanitarios prestáronlle atención, pero malia os esforzos, só puideron confirmar o falecemento da persoa, que, segundo os primeiros indicios puido estar causado por un infarto ou algún tipo de indisposición.
O falecido é un veciño de Ferrol, de 89 anos, xa xubilado, que segundo os que o coñecían levaba toda a vida no mar.