Rescatado un neno nunha zona de rochas en Ribeira
A lancha da Cruz Vermella rescatouno e levouno ao porto de Ribeira para ser evacuado ao hospital do Barbanza

Un neno foi rescatado e evacuado por mar tras caer nunha zona de rochas na praia de Touro, en Ribeira, a última hora da tarde do luns.
Segundo informou o CIAE 112 Galicia, un particular avisou poucos minutos despois das 19:00 horas de que caera nas rochas da praia e o perdera de vista nese momento.
Ante iso, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias mobilizou a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros, GAEM de Ribeira e axentes da Policía Nacional e da local. Tamén foron informados Salvamento Marítimo, o Servizo de Gardacostas de Galicia e os voluntarios de Protección Civil.
Unha vez no lugar, os equipos de emerxencia confirmaron que o neno non caera ao mar, pero permanecía nunha zona complicada nas rochas.
Finalmente, conforme sinalou o Consorcio Provincial de Incendios e Salvamento da Coruña, o neno foi rescatado por mar na lancha da Cruz Vermella e levado ao porto de Ribeira para ser evacuado ao hospital do Barbanza.