Publicador de contidos

Publicador de contidos

'Mambrú volveu da guerra', de Carlos Labraña, premio SGAE de Teatro Infantil 2022

'Mambrú volveu da guerra', de Carlos Labraña, premio SGAE de Teatro Infantil 2022

É o primeiro texto en galego que gaña o certame da Fundación Sociedade Xeral de Autores e Editores

A SGAE salienta da obra de Labraña o "seu fondo de recoñecemento á memoria histórica", cunha gran dozura literaria e escénica

Labraña sinalou que escribiu o texto desde a emoción, "e volvo emocionarme cando o releo"

Carlos Labraña, gañador do XXIII premio SGAE de Teatro Infantil 2022 / FOTO: SGAE Carlos Labraña, gañador do XXIII premio SGAE de Teatro Infantil 2022 / FOTO: SGAE
G24.gal 24/10/2022 12:48

O dramaturgo galego Carlos Labraña foi galardoado co Premio SGAE de Teatro Infantil 2022 pola súa obra 'Mambrú volveu da guerra'. É o primeiro texto en lingua galega que gañou o certame da Fundación Sociedade Xeral de Autores e Editores.

Carlos Labraña Barrero impúxose a outros 39 orixinais polo seu "fondo de recoñecemento á memoria histórica", segundo apuntou a institución este luns, e a todos aqueles esquecidos en "cunetas e tapias de cemiterios", cunha gran dozura literaria e escénica.

Labraña sinalou que escribiu o texto desde a emoción, "e volvo emocionarme cando o releo", engade que a dificultade maior era tratar a historia con delicadeza, pero sen ocultar nada.

O dramaturgo galego, nado en Cedeira en 1969 e con ampla experiencia como autor de teatro infantil, di que se sente moi agradecido por recibir un premio tan importante e con tanto alcance para un xénero tan minorizado como a dramaturxia para nenos e nenas.

O galardón está dotado con 8.000 euros, a publicación da obra na serie editorial Sopa de Libros que a Fundación SGAE coedita xunto co Grupo Editorial Anaya e a súa escenificación no 27º Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas 2023.

A obra gañadora relata como unha nena chamada Xana chega a un parque infantil recentemente construído nos arredores da vila. Alí atopa a única compañía dun vello soldado de porcelana que alguén esqueceu. A partir desta formulación, Labraña constrúe un relato que reivindica a memoria histórica e lévanos, segundo o xurado do premio, a "un belo e inesperado desenlace".

O dramaturgo sinalou que "a nosa obriga é loitar contra o esquecemento" e satisfaino que este premio llo dean precisamente agora, coincidindo coa entrada en vigor da Lei de memoria democrática en España. Incide na importancia de contar estas historias aos nenos e nenas, dun modo poético, pero sen ocultar nada.

"Recuperar os nomes e as historias do esquecemento é darlles vida de novo, pero tamén é darnos vida a nós mesmos".

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos