'Elixindo un modo de vida': un proxecto solidario de Mel de Galicia para reforestar no Barco de Valdeorras

Comeza este venres e buscan voluntarios para axudar a plantar castiñeiros na parroquia de Alixo, unha das arrasadas polos grandes incendios do 2022

G24.gal 29/11/2023 13:31

Mel de Galicia comezará este venres o proxecto solidario 'Elixindo un modo de vida', unha iniciativa para axudar a reforestar a parroquia de Alixo, unha das arrasadas nos grandes incendios de 2022. Esta institución busca voluntarios para plantar castiñeiros no Barco de Valdeorras.

As pegadas do grande incendio que arrasou Valdeorras en xullo de 2022 aínda se aprecian na parroquia de Alixo. Esta localidade tivo que ser desaloxada porque o lume avanzaba arrasando plantacións e ameazando vivendas.

"Moitos apicultores perderon as súas colmeas, hai outros que non perderon a súa colmea en si pero si perderon toda a zona apícola, de árbores que aproveitaban as abellas e demais", comentaba Esther Ordóñez, presidenta do IXP Mel de Galicia.

Para acelerar a recuperación, en Mel de Galicia coordinan un proxecto de reforestación en Alixo onde se van plantar 500 castiñeiros para asegurar a produción futura tanto de mel como de castañas.

Esther Ordóñez, presidenta desta institución, engadiu que o labor das abellas é "moi importante", sinalando que sen elas "os froitos van ser máis pequenos, en menor cantidade e incluso con máis pragas".

Dende IXP Mel de Galicia convidan a todo o que queira a traballar en conxunto para "devolver aos apicultores estes beneficios da polinización", non só reforestando, senón mantendo esas árbores e "non deixalas que vaian abaixo". A convocatoria está fixada para este venres ás 11:00 horas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar