As rebaixas de inverno manteñen pulo e cada persoa gastará 197 euros nesta campaña
As enquisas din que o 86 % da xente cre que fará algunha compra nesta campaña
As primeiras semanas os descontos son máis moderados; logo poden chegar ao 80 %
É outra tradición que non se perde. Varias grandes marcas manteñen o día seguinte ao festivo de Reis como o do inicio oficioso das rebaixas de inverno. Este luns, xa había xente ás portas dalgunhas tendas agardando o momento da apertura, para ser os primeiros en buscar gangas. Segundo a Asociación Española de Consumidores, o 86 % da xente cre que fará algunha compra nesta campaña. De media, cada cliente gastará 197 euros.
"Vou mercar un vestido, para unha festa", adianta unha muller antes de entrar nuns grandes almacéns en Vigo. "Ao mellor algo para a primavera ou para o verán", comenta unha moza. "Simplemente imos entrar e ver o que hai. E, se hai algo moi rebaixado, pois...", explica outra rapaza.
A media mañá xa sae xente con tesouros atopados na primeira xornada de rebaixas. A maioría leva roupa, que é o sector con máis movemento nesta época. A patronal do téxtil, de feito, prevé que as vendas aumenten un catro ou un cinco por cento con respecto ao ano pasado.
"Merquei un xersei e un abrigo", relata unha muller mentres saca as prendas dunha bolsa. "Dous suadoiros e un pantalón, unhas cousas con cinco euros de rebaixa, outras con dez", asegura outra compradora. "A min cadroume que houbese rebaixas. Tiña que coller unhas cousas e, se coincide que hai rebaixas, pois mira", afirma un home que sae dun centro comercial.
As asociacións de consumidores insisten nos consellos habituais: planificar as compras e comparar os prezos, para verificar se efectivamente o que se vende agora como rebaixado custa menos que antes.
"Si, eu xa estiven vendo as cousas cun pouco de anticipación e aforrei uns 120 euros, si, si", confirma unha compradora experta.
O inicio oficioso das rebaixas coincide cos días de cambio ou devolución de agasallos de Nadal. Por iso, esta semana as tendas teñen aínda máis actividade.