Publicador de contidos

Publicador de contidos

As motos sobreviven ás borrascas pero a auga esixe máis mantemento

As motos sobreviven ás borrascas pero a auga esixe máis mantemento

A chuvia e o vento complican os movementos dos que precisan moto a diario

En Galicia hai arredor de 160.000 ciclomotores e motocicletas e a cifra segue medrando

G24.gal 11/02/2026 14:59

As motos tamén son para o inverno pero hai que protexerse e protexelas a elas. O número de ciclomotores e motocicletas leva anos medrando en España, xa son arredor de seis millóns.

Moita xente usa a moto a diario, sobre todo por traballo nas cidades, e non sempre pode prescindir das dúas rodas cando chegan as borrascas. A chuvia obriga a extremar a precaución sobre o asfalto e, a maiores, hai que ter en conta algúns detalles que poden pasar desapercibidos. A auga esixe manter os pneumáticos en bo estado e, ademais, con todo o que arrastra, provoca que se desgasten máis do normal as pastillas de freo.

"O debuxo dos pneumáticos fai que cando vas rodando a auga se disipe para os lados e seca a estrada. Un pneumático gastado non seca e estes días é imposible andar cun así", explica Juan Rodríguez, responsable de vendas de Ángel Leirós Motos, mentres amosa unha roda nova e unha gastada no taller.

"Outra parte moi importante é o sistema de freado. Aquí pode verse a diferenza entre unhas pastillas novas e unhas gastadas", engade Fran Gallo, mecánico de Ángel Leirós.

Os que necesitan a moto a diario saben que, con este tempo, hai que saír preparados. Toda protección é pouca.

"Levo mallas, un pantalón, un pantalón de auga, dúas camisetas, suadoiro, chaqueta de moto e a chaqueta de auga", mostra un home que cada día percorre o centro de Vigo entregando documentación en diferentes oficinas.

"Se chove, podes cambiarte pero cando vai vento é máis perigoso e máis incómodo", completa un mozo que tamén precisa motocicleta para traballar.

Ademais, a chuvia reduce a visibilidade. E non só dos que levan casco. Neste tempo, con frecuencia, os coches e os camións non ven as motos que teñen ao seu carón.

"E algún coche que non te veachégaseche e diche: 'Ola! Estou aquí!'", relata con retranca unha muller que conduce un ciclomotor.

Son moitos para saudar. En Galicia xa hai aproximadamente 160.000 motos e ciclomotores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade