Publicador de contidos

Publicador de contidos

"Anoche conquisté Tebas" de Gabriel Azorín, premio á mellor película de Cineuropa

"Anoche conquisté Tebas" de Gabriel Azorín, premio á mellor película de Cineuropa

É a primeira vez que unha película con parte da súa produción galega obtén o máximo galardón da sección oficial competitiva, Cineastas do presente

Imaxe da clausura do festival Cineuropa, este domingo en Santiago. EFE/Lavandeira Jr Imaxe da clausura do festival Cineuropa, este domingo en Santiago. EFE/Lavandeira Jr
G24.gal 23/11/2025 23:13

A película de Gabriel Azorín Anoche conquisté Tebas converteuse na gañadora absoluta da 39 edición de Cineuropa, ao obter o premio á mellor película e tamén os do mellor guión e amellor interpretación masculina.

Trátase da primeira ocasión en que unha película con parte da súa produción galega –a cargo de Filmika Galaika– obtén o máximo galardón da sección oficial competitiva de Cineuropa, Cineastas do presente.

A película, a primeira longametraxe de Azorín, foi seleccionada na última Mostra de Venecia, na sección Giornate degli Autori, e é unha proposta de inmersión na atmosfera do pasado da Roma antiga a partir dun uso de linguas como o latín.

No palmarés oficial hai unha segunda película especialmente recoñecida, a croata God Will Not Help (Deus non axudará), que recibiu o premio á mellor dirección para Hana Jusic e tamén o da mellor interpretación feminina para a actriz chilena Manuela Martelli.

O xurado outorgou o seu premio especial á película paraguaia Bajo las banderas, el sol, de Juanjo Pereira, que recupera a figura do ditador Alfredo Stroessner, que gobernou o país suramericano durante 40 anos.

O palmarés oficial complétao a mención especial ao guión do filme tailandés A Useful Ghost (Unha pantasma útil), de Rachatapoom Boonbunchachoke, que mestura o fantasmal co político.

Esta película recibiu ademais o premio á mellor película outorgado polo Xurado Novo do festival, integrado por Irene Álvarez, Marie González, João Rebocho, Alicia Ruiz, César López, Lucía Martínez e Lola Toval.

Este xurado premiou tamén a alemá Mascha Schilinski como mellor directora por Sound of Falling e outorgou o do mellor guión ao portugués Pedro Pinho por O riso e a faca.

O da mellor actriz deste xurado foi para Tania Maria polo filme brasileiro O agente secreto, de Kleber Mendonça Filho.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade