AENA renovará os accesos a Peinador ao detectar que superaron a súa "vida útil"
A zona de entrada ao aeroporto pasará por obras de actualización durante cinco meses
Nova cara para a entrada de Peinador. AENA saca a concurso o contrato para renovar o acceso principal ao aeroporto de Vigo. Encargará obras para renovar o pavimento, a sinalización e as canalizacións de auga diante da fachada principal da terminal.
Son as vías polas que entran os taxis e os autobuses e o carril para a carga e descarga rápida de pasaxeiros. O xestor considera que esa zona "superou sobradamente a súa vida útil" e, segundo se pode ler no expediente oficial, presenta "patoloxías que fan necesaria unha rexeneración".
Pode parecer unha obra pequena se se compara, por exemplo, coa renovación completa da pista de aterraxe acometida hai dous anos, pero é relevante porque é o lugar polo que pasan milleiros de viaxeiras e viaxeiros.
A obra sae a licitación por 390.000 máis impostos e cun prazo de execución de cinco meses.