A Patola foxe do centro de saúde de Carballo tras a súa detención
A muller estivera implicada nunha persecución xunto a José Antonio Amado, o Chepas
Están a ser investigados pola recente vaga de roubos en domicilios da comarca
A Garda Civil detivo, tras unha angustiosa persecución, á parella investigada pola recente vaga de roubos rexistrada en Carballo, pero Patricia Esmorís, alcumada como a Patola, logrou fuxir por unha fiestra do centro de saúde onde a trasladaron para recibir atención médica.
O coche aínda estaba ao día seguinte no lugar onde a arrestaran xunto a José Antonio Amado Botana, coñecido como o Chepas. Durante a súa fuxida percorreron varias parroquias de Carballo e Coristanco e o vehículo sufriu numerosos danos.
Atravesaron a gran velocidade, en dirección prohibida, unha das rúas máis céntricas do núcleo de San Roque e chegaron ata as inmediacións dunha gran superficie comercial. Alí bateron contra outro vehículo, provocándolle unha ferida na cabeza á súa condutora e aínda intentaron seguir coa fuxida, pero uns metros máis adiante os axentes lograron arrestalos.
Tras a persecución, pesan ademais sobre a Patola acusacións por conducir de forma temeraria e ausentarse do lugar onde se produciu un accidente con persoas feridas. Ao parecer, tamén deu positivo no control de drogas que lle fixeron no momento da detención.