As enfermidades do sistema circulatorio, principal causa de morte en Galicia en 2024
As causas máis habituais foron os problemas de corazón, as insuficiencias cardíacas e as enfermidades cerebrovasculares

As enfermidades do sistema circulatorio foron a primeira causa de morte en Galicia durante o ano 2024, segundo o balance provisional da estatística de defuncións que publicou este luns o Instituto Nacional de Estatística (INE).
De acordo con este estudo, na comunidade galega faleceron durante o pasado ano un total de 32.725 persoas, 16.570 mulleres e 16.155 homes, das cales case nove mil (8.956) fixérono a causas de enfermidades do sistema circulatorio, preto dun dous por cento (1,9 %) máis que en 2023.
Dentro desta categoría, as causas máis habituais foron os problemas de corazón, as insuficiencias cardíacas e as enfermidades cerebrovasculares.
No cómputo estatal, o motivo máis frecuente foron os tumores, que en Galicia aparecen en segundo lugar, con 8.234 falecementos; sendo os máis comúns os de traquea, bronquios e pulmón (1.610) e a continuación, os de colon (725), páncreas (581), próstata (484) e mama (453).
Esta causa de mortalidade descende lixeiramente, un 2,3 %, respecto á anterior medición.
Pola contra, aumentan sensiblemente un 5,5 %, as mortes imputables a enfermidades do sistema respiratorio; terceira causa de morte en 2024 en Galicia con 3.908 falecementos.
A continuación, aparecen como motivos máis frecuentes os trastornos mentais e do comportamento -fundamentalmente a demencia senil, que é o motivo concreto de morte máis repetido a nivel galego-, as enfermidades do sistema nervioso e as do dixestivo.
Respecto a as causas externas de morte, que abarcan 1.419 casos en Galicia en 2024, o caso que se repite con maior frecuencia son as caídas accidentais (604); moi por diante dos suicidios (291), os accidentes de tráfico (123) e os afogamentos (109).
Por provincias, a distribución dos falecementos é proporcional á poboación e A Coruña é a primeira en número de óbitos, con algo máis de trece mil (13.1934); seguida de Pontevedra (9.916), Lugo (4.912) e Ourense (4.703).
Entre os mozos galegos, as causas externas, principalmente polos catorce suicidios e as trece mortes en accidentes de tráfico, son a primeira causa de morte; con certa diferenza dos tumores (12), que son o primeiro motivo natural de falecemento.
No ámbito estatal, os tumores situáronse por segundo ano consecutivo como primeira causa de morte en 2024, cun 26,6 % do total de defuncións, seguidos das enfermidades do sistema circulatorio, que causaron o 26,1 % das mortes.
Respecto ao ano anterior, os falecementos por tumores mantivéronse, mentres que os de enfermidades do sistema circulatorio baixaron un 2,4 %. Este descenso implicou que a taxa de morte por tumores (236,4 por 100.000 habitantes) fose superior á das enfermidades do sistema circulatorio (231,8 por cada 100.000).
En 2024 producíronse en España 433.547 defuncións: 218.746 dos falecidos foron homes e 214.801 foron mulleres. O 95,8 % das mortes sucederon por causas naturais e o 4,2 % por causas externas.