A hostalaría alerta de que o menú do día está en risco pola competencia dos pratos preparados
O aumento do custo das materias primas complica manter os prezos baixos
Sete de cada dez restaurantes en España subiron as tarifas no último ano
En Galicia, o prezo medio do menú do día está agora en 13,50 euros. É dos máis baixos de España.
O menú do día pode ter os días contados. O último informe da Confederación Empresarial de Hostalaría de España, a principal patronal do sector, alerta de que esta fórmula tan popular está en risco. O aumento das materias primas e o auxe dos pratos preparados ameazan un modelo de negocio que consomen milleiros de persoas.
No último ano, o menú do día en España encareceu de media un 1,5 %. Sete de cada dez establecementos subiron o prezo, aínda que fose só uns céntimos.
"O café subiu un montón, os ovos subiron un montón, o aceite, cando estivo en prezos de máximo, era unha loucura", argumenta María del Carmen Valero, encargada do coñecido restaurante Casa Soutomayor de Vigo, cun menú do día a 12 euros, bebida incluída.
En Galicia, o prezo medio do menú do día está agora en 13,50 euros. É dos máis baixos de España. Só un trinta por cento dos restaurantes mantiveron o prezo no último ano. Nunha década, subiron as tarifas, de media, 2,5 euros.
"Houbo anos que estivemos seis, sete, oito anos, sen tocar o prezo pero agora case todos os anos temos que tocalo porque é imposible resistir", relata José Vilán, que rexenta na mesma rúa de Vigo o veterano mesón O Xamón, onde o menú do día custa 15 euros.
Por unha banda, os restaurantes están gañando novo público, os turistas, pero, por outra, perden negocio fronte á expansión dos pratos preparados. A patronal, en especial, cuestiona a competencia dos supermercados e hipermercados que teñen zona de restauración, para comer na propia tenda. É unha ameaza, incluso, para locais que venden comida para levar.
"Que a xente o entenda, non subimos os prezos porque nos guste, é porque o mercado o demanda. E cada vez isto descontrólase máis, os prezos descontrólanse máis", asegura Santiago Alonso, cociñeiro e copropietario de Alalimón, un local de Vigo onde serven comida caseira para levar, alí con menú do día, dous pratos e sobremesa, a dez euros.
Sexa no bar ou para levar, a tendencia a que cociñen por nós está clara. Todos os indicadores confirman que en España se cociña cada vez menos nos domicilios.