Publicador de contidos

Publicador de contidos

O éxito dos negocios multiverso: dun café-florería a un bar con supermercado ou que tamén vende roupa

O éxito dos negocios multiverso: dun café-florería a un bar con supermercado ou que tamén vende roupa

Diferentes locais en Galicia apostan por mesturar actividades dispares para se facer un oco no mercado

Algúns son establecementos de toda a vida que foron ampliando servizos e outros novos proxectos de emprendemento

G24.gal 19/11/2025 14:08

Tomar un café no mesmo sitio no que podes encargar un ramo de flores. Pedir un bocadillo mentres mercas adornos de Nadal. Sentar a tomar un doce nunha tenda de roupa que vende tamén obras de arte. O multiverso é real no mundo dos negocios.

En Galicia funcionan locais que mesturan actividades dispares, moitas veces chocantes. Algúns son establecementos de toda a vida que foron ampliando servizos. Outros, novas iniciativas que apostan por combinar usos distintos nun mesmo espazo como fórmula para se diferenciar e se facer un oco no mercado

Porque ás veces, unha cousa atrae á outra. Esa foi a idea de Yuri, un emprendedor brasileiro que este ano abriu en Cangas unha cafetaría-florería. Chámase Pitanga e está na rúa Lirio, bonita coincidencia.

"Temos permiso de café-bar. Servimos viño, cervexa... e tamén flores, ramos, para tanatorios... todo", resume Yuri Valente, despois de poñer uns cafés e mentres prepara crisantemos para unha clienta.

Tamén está en Cangas o Bar Puri, aínda que a súa sona chega a todo o Morrazo. Metade bar, metade tenda, é unha empresa familiar -case corenta anos- á que acode xente en busca de calquera cousa e case a calquera hora, porque a zona de supermercado ten o mesmo horario que o café, así que abre ata as 23:30 e tamén domingos e festivos. 

"Se queren desaparafusadores, temos desaparafusadores; se queren adornos de Nadal, neste momento, pois temos adornos de Nadal; carne, polo... Temos un pouco de todo para que alguén saia do apuro", resume Purificación Pazó, a titular do negocio.

Cruzando a ría, atopamos en Vigo a versión máis moderna dun negocio híbrido. La Contenedora ofrece café e doces na entrada, vende roupa no interior, ten unha galería de arte ao fondo e conta cun espazo de traballo colaborativo no andar superior. Todo no mesmo local e da man da mesma parella que o rexenta.

"Como o seu nome di, contén dende o café a roupa de marcas nacionais. E tamén potenciamos os artistas locais", explica Leticia Rodríguez, que tamén organiza actividades culturais no establecemento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade