Os galegos tiran de enxeño para bautizar os seus cans, pero Coco e Luna son os nomes preferidos
Motivacións de todo tipo xorden á hora de darlles nome aos cans
En Galicia Lola e Otto incorpóranse ao top ten dos nomes preferidos
"Púxenlle Rihanna pola cantante".
A admiración por unha famosa é unha boa fonte de inspiración para darlle nome aos nosos cans. Tamén hai quen tira de xeografía.
"Toxa, porque lle puxemos o nome da illa da Toxa en galego".
Ou mesmo da mitoloxía clásica.
"Horus, polo deus exipcio. Quería algo fóra do común e este deus representa ao sol, e para min é coma un raio de sol".
Pero son as excepcións, xa que os galegos seguimos sendo fieis aos nomes máis tradicionais. Coco, Luna, Kira e Bimba lideran a lista, na que non faltan Max, Leo ou Thor. Á hora de escoller un nome, semella que hai motivacións de todo tipo.
"A xente que coñezo ou teñen nomes simpáticos, Pepe ou Manolo, que tamén quedan moi graciosos, segundo que can sexa, nun can pequeno, si. Tiven outra que se chamaba Pizca, porque era moi pequeniña, outra que se chamaba Yorki porque lle gustaba o xamón de York".
Algúns tiran do humor, e outros queren honrar as mascotas que xa non están con eles cambiando simplemente o xénero do nome.
"Púxenlle Mora porque tiven un can durante moito tempo que lle chamaban Moro e para facerlle un pouco memoria a el, pois púxenlle ese nome".
E outros que xorden sen máis.
"Unha é Vedra e outra é Mailo, e a verdade é que non houbo ningún motivo especial polo que decidimos pórlle eses nomes. Xurdiron sen máis".
O estudo dun coñecido portal de mascotas sinala que en Galicia Lola e Otto incorpóranse ao top ten dos nomes preferidos, e volven ser tendencia clásicos como Tango, Blacky ou Laika.