Desaloxan de madrugada 40 veciños de San Cibrao a causa dun incendio forestal
Os servizos de emerxencia informan de que o lume está controlado e a maioría dos evacuados regresaron ás súas casas
Uns 40 veciños de 14 casas foron desaloxados por precaución no municipio lucense de Cervo, como consecuencia dun incendio forestal na zona de Río Covo, en San Cibrao, que comezou sobre as catro da madrugada, aínda que a maioría puideron regresar xa aos seus domicilios.
Foi unha noite de moitos nervios e tensión. As lapas quedaron ás portas das casas. Ventaba con forza, e isto avivaba o lume.
"As condicións meteorolóxicas eran moi desfavorables, con ventos fortes do sur, temperaturas de 19 graos", explica Mario Antuña, responsable do Servizo de Emerxencias do concello de Cervo.
40 veciños da urbanización de Río Covo foron desaloxados durante a noite, pero xa volveron ás súas casas. Os que aínda non o fixeron son os oito que viven na zona da Pedrosa.
"Aínda non poden ir porque hai moito fume. O máis perigoso era o vento, controlar que o lume non chegara ás casas, o desaloxo das persoas foi por prevención", di a alcaldesa, Dolores García.
Durante a noite tamén se confinaban os usuarios da residencia da terceira idade.
"Máis que nada para que se confinaran, pecharan portas e ventás", comenta Antuña.
O lume está controlado, pero segue a haber moito fume. Quedou a escasos metros da vía do tren e do polígono industrial.
"O lume comeza nunha zona onde hai unha liña de alta tensión, onde hai unha palmera, tramén escoitaron tronos, pero de momento non sabemos a causa", engade.
Arderon unhas cinco hectáreas de monte baixo e eucaliptos. Na zona seguen os equipos de extinción.