Publicador de contidos

Publicador de contidos

A meteoroloxía adversa deixa 200 incidencias, con vento superior aos 150 km/h e forte choiva

A meteoroloxía adversa deixa 200 incidencias, con vento superior aos 150 km/h e forte choiva

A caída dunha árbore sobre a catenaria do tren obrigou a cortar a circulación entre Barbantes e Ourense

A Xunta mantén activa unha alerta laranxa por precipitacións nas provincias da Coruña e Pontevedra

En plena noite de novembro, Ribadeo pasou dos 25º e Cervo viviu un incendio forestal

Unha condutora sufriu unha saída de vía na Baña (TVG)
G24.gal 05/11/2025 09:50 Última actualización 05/11/2025 19:55

O temporal deixou no que vai de día case 200 incidencias en Galicia (199), nunha xornada en que se rexistraron vento superior aos 150 quilómetros por hora e choiva abundante especialmente nas provincias da Coruña e Pontevedra, onde permanece activa unha alerta laranxa por precipitacións.

Segundo trasladou o 112 Galicia, a maioría de incidencias estiveron relacionadas coa presenza de árbores e ramas caídas nas estradas, que sumaron mías de 100 rexistros. Tamén se notificaron 21 casos de cables nas vías, 11 de terras ou pedras, e nove de obxectos e restos de accidentes que obstaculizaban a circulación.

Afectou tamén a circulación ferroviaria entre Ourense e Vigo. A caída dunha árbore sobre catenaria do tren obrigou a cortar a circulación entre Barbantes e a cidade das Burgas, polo que o Adif tivo que establecer un plan alternativo con transbordos por estrada para os viaxeiros afectados.

 

Por provincias, A Coruña concentrou o maior número de incidencias, con 74, seguida de Pontevedra, con 55, Lugo, con 34, e Ourense, con 32. Ademais, contabilizáronse catro incidencias noutras comunidades autónomas con chamadas recibidas na central de emerxencias galega.

Entre os municipios máis afectados destaca, na provincia da Coruña, Carballo, con oito incidencias, entre elas, permanece cortada ao tráfico a estrada de Sofán a Piña para proceder á retirada dunha árbore e dun tendido eléctrico. Ademais, tamén se rexistraron incidencias nos municipios coruñeses de Narón, Vimianzo, Santiago de Compostela, A Coruña, Muxía e Arteixo, con entre tres e catro casos cada un.

En Pontevedra, destaca A Estrada, con cinco, mentres que en Ourense, a cidade rexistrou seis incidencias. En Lugo, destacan Samos, Pantón e Vilalba, con tres cada un.

Árbore caída en Vigo (TVG) Árbore caída en Vigo (TVG)

Incidencias salientables

Aínda que a práctica totalidade das incidencias foron de carácter leve, o 112 Galicia destaca varios sucesos relevantes, sen que se rexistrasen danos persoais.

Ás 09:30 horas, a Central de Emerxencias tivo constancia dun accidente de tráfico na autovía A-52, á altura de San Pedro de Batalláns, no municipio das Neves.

Tal e como indicou un particular ao servizo de emerxencias, o vehículo perdeu o control debido ao aquaplaning, impactando primeiro contra a mediana e posteriormente contra outro coche. O persoal sanitario confirmou que foi necesario atender unha persoa ferida.

Un condutora sufriu unha saída de vía na Baña. O incidente produciuse sobre ás 9:15 na ponte sobre o río Albariña. Un coche saíu da vía e, aínda que se están investigando as causas, todo apunta a que foi por intentar esquivar un charco. O coche perdeu o control, saíu proxectado e bateu en sentido contrario á marcha contra o balado de protección da ponte. A condutora, de 28 anos, non sufriu feridas importantes.

Así, arredor das 08:00 horas, na N-640, entre os puntos quilométricos 42 e 43, en Vilaxe (A Pontenova), unha persoa sufriu unha saída de vía ao tentar esquivar unha árbore caída na estrada.

Por outra banda, sobre as 07:30 horas, un particular contactou co 112 Galicia desde a rúa da Potiña, en Fisterra, ao verse afectado polas inundacións provocadas pola choiva, que tamén asolagaban parte da súa vivenda.

Por último, arredor das 04:30 horas, un particular informou o servizo de emerxencias de que parte da iluminación de Nadal caera sobre un vehículo estacionado na rúa Ramón de Valle-Inclán, en Vigo.

Vento e choiva

Neste contexto, a Xunta mantén activo un aviso laranxa por choiva no suroeste da provincia da Coruña e nas zonas das Rías Baixas e Miño de Pontevedra.

Durante este mércores, a estación que MeteoGalicia ten en Lardeiras, en Carballeda de Valdeorras (Ourense) rexistrou ventos de ata 154,5 km/h. Tamén no Penedo do Galo, en Viveiro (Lugo), notificáronse refachos superiores ao 137 km/h e en Vimianzo (A Coruña) alcanzaron o 121,8 km/h.

Ademais, o vento do sur está a provocar que as temperaturas en zonas da Mariña lucense superen os 20 graos.

Así, a máxima durante a madrugada deste mércores rexistrouse en Ribadeo, onde se alcanzaron os 25,3 graos. En Lourenzá e en Foz os termómetros marcaron máis de 23 graos.

En canto á choiva, as maiores acumulacións rexistráronse na serra do Faro, en Rodeiro (Pontevedra), con 73,8 litros por metro cadrado. Tamén no alto do Faro de Chantada (Lugo) acumuláronse máis de 60 litros por metro cadrado, do mesmo xeito que en Salvaterra de Miño (Pontevedra) e en Lousame (A Coruña).

Vista do porto de Aguete, en Marín (TVG) Vista do porto de Aguete, en Marín (TVG)

Aviso laranxa

Neste contexto, a Xunta activou desde última hora deste martes o aviso laranxa por choiva no suroeste da provincia da Coruña e nas zonas das Rías Baixas e Miño de Pontevedra.

Co obxectivo de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas, deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o aviso laranxa actívase por precipitación acumulada que pode alcanzar os 30 mm nunha hora.

Ante a forte choiva, as autoridades recomendan circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas asolagadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.

Suspensión de actividades no exterior 

Así mesmo, debido ao aviso laranxa por choiva, a Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender este mércores 5, ata as 16:00 horas, as actividades no exterior dos centros educativos de tres zonas: A Coruña Suroeste (Boiro, Dodro, Lousame, Muros, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Rois); Litoral de Pontevedra (Baiona, Barros, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Catoira, Gondomar, Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Valga, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa); e Miño de Pontevedra (Arbo, Crecente, A Guarda, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, O Porriño, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui).

Do mesmo xeito, a Secretaría Xeral para ou Deporte anunciou a suspensión da actividade deportiva federada e as do programa Xogade que se realicen no exterior nestas zonas.

Ademais, continúa o aviso laranxa por temporal costeiro no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra, con vento do sur con ata forza 8 e mar combinada do suroeste con ondas de ata seis metros, onde tamén se mantén suspendida a actividade deportiva do programa Xogade e federada no mar nos concellos afectados.

A Xunta aproveitou para lembrar a importancia de manterse afastado da liña de costa, é dicir, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Cambios no transporte de ría en Vigo

En Vigo, as malas condicións meteorolóxicas afectaron ao transporte de ría á primeira hora da mañá. Así, ante a alerta polo temporal, as compañías navieiras xa informaron este mércores dos cambios que sufrirían os servizos.

Piratas de Nabia, que opera a ruta entre Vigo e Moaña, suspendeu as saídas de primeira hora desde a cidade olívica (7:00, 8:00 e 9:00 horas) e desde Moaña (6:30, 7:30 e 8:30 horas). Pola súa banda, na liña Vigo-Cangas, a navieira Mar de Ons informaba nas últimas horas de que os traxectos se farían cada media hora entre as 7:00 e as 10:00 horas, e non cada 20 minutos como é habitual, para que a velocidade dos buques se poida adecuar ás malas condicións meteorolóxicas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade