Vivendas de turismo rural ofrecen actividades alternativas máis aló de dar aloxamento

G24.gal 23/11/2023 22:02

Con vistas á praia de Vilarrube, en Pantín, esta casa de turismo rural xa ten colgado o cartel de completo para todas as festividades que se achegan no mes do Nadal.

"Empezamos na ponte de decembro con ocupación total e logo tamén en Noiteboa e Fin de Ano", di Belén Fernández, que xestiona a casa de Castro de Frádigas.   

A vivenda de uso turístico de Sara tamén está situada en Pantín. Alúgaa enteira a grupos e familias.

"Aínda non temos a axenda de todo pechada. Temos aínda algunha data libre, pero preséntase interesante", apunta Sara Vellón, propietaria da casa Villa Lucerna. 

O desafío destes establecementos turísticos é manter a actividade máis aló da temporada forte, o verán. De aí que cada vez máis aposten por ofrecer propostas alternativas.

"Nós facemos actividade como talleres. Por exemplo, fixemos un de gua sha facial, de masaxe facial con este mineral, e outro de acuarela cunha pintora de aquí de Valdoviño. E agora de cara ao Nadal temos previsto un de produtos gastronómicos natalicios", explica Sara.

Obradoiros e eventos permiten transformar uns espazos pensados para o aloxamento en lugares de convivencia para novas experiencias.

"Comezamos o ano pasado cun pequeno evento. Era unha desembalaxe, é dicir, as persoas podían vender cousas que xa non empregaban, sobre todo cousas antigas ou anticuarios de artesáns da zona. Deste xeito tamén dinamizamos a artesanía local. E, a verdade, resultou moi ben", sinala Belén Fernández.  

Tanto na comarca de Ferrol como na do Ortegal, as vivendas de turismo rural ven na prolongación da temporada unha opción de futuro, máis aló do surf ou do turismo de praia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade