Unha parella da Estrada denuncia o ataque dun can perigoso

Veciños da zona confirman que xa outras veces estivo solto e sen bozo na contorna do parque infantil e o colexio de Figueroa

A Policía Local denunciara xa o dono hai un ano por outra mordedura do mesmo can, pero a vítima daquela non presentou demanda no xulgado

Desta vez, a parella danada si que vai recorrer á xustiza para pedir que retiren o can 

G24.gal 22/11/2023 14:39

Susana e Carlos detállanlle á súa avogada o parte de lesións e as circunstancias en que se produciu o ataque dun can potencialmente perigoso na tarde do luns. Foi na mesma rúa onde viven cando paseaban o seu can, de paso que ían buscar a súa filla ao colexio. 

"Traboume e púxome as patas no peito, un can pesado, tirou comigo entre un coche e a beirarrúa e aí estivemos forcexando coma 10 ou 15 minutos. Pensei que ía quedar sen dedo e sen a metade do meu can".

É unha experiencia da que aínda lles custa falar, pero que están decididos a levar ata os tribunais, porque saben que é fundamental para que se tomen medidas. 

"Hai nenos constantemente na rúa e no parque público; non pode estar aí un can potencialmente perigoso solto sen colar, sen bozo e sen correa".

Na agresión previa de hai un ano, a Policía Local acreditou que o dono non ten licenza para ter un can potencialmente perigoso e tramitou a correspondente denuncia diante da Consellería de Medio Ambiente. Pero o caso quedou só nunha sanción, ao non haber denuncia xudicial por parte da persoa agredida daquela. Por iso Susana e Carlos esperan que desta vez a cuestión se resolva doutra maneira. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos