Terceira xornada consecutiva de atrasos nos trens entre A Coruña e Ourense e no Eixo Atlántico

Restablecida a circulación na liña ferroviaria León-A Coruña, entre San Clodio e Freixeiro

O Goberno, "preocupado" polos atrasos nos trens galegos que vencella con "múltiples causas"

BNG e PP piden explicacións ao Goberno

G24.gal 22/11/2023 10:38 Última actualización 22/11/2023 17:25

Varias incidencias rexistradas a primeira hora da mañá causaron atrasos nas conexións ferroviarias entre Ourense e A Coruña, e na liña do Eixo Atlántico entre a cidade herculina e Vigo.

Así, segundo informaron fontes de Renfe, o tren Avant que tiña que saír de Ourense en dirección A Coruña e Santiago sobre as 6:45 horas fíxoo con media hora de atraso debido a unha "incidencia operativa".

Isto provocou atraso tamén na conexión entre A Coruña e Vigo, xa que se trata do mesmo material rodante. Así, en lugar de saír ás 8:00 horas o tren desde a estación da Coruña, fíxoo con 35 minutos de atraso e, consecuentemente, iso afectou a todo o traxecto ata a cidade olívica.

Por outra banda, a primeira da hora de mañá tamén se rexistrou unha "incidencia técnica" no tren que saíu de Vigo ás 6:57 horas da mañá con destino a Santiago. Á altura de Vilagarcía produciuse unha avaría e o convoi non puido continuar, de maneira que a pasaxe foi transvasado a un autobús para concluír a viaxe e, algúns deles, foron reacollidos en "outras circulacións", de maneira que tamén chegaron polo menos media hora tarde ao seu destino.

As incidencias rexistradas este mércores súmanse ás xa ocorridas tanto o luns como o martes, o que provocou de novo as queixas dos usuarios polos continuos problemas no servizo. Así mesmo, o propio comité de empresa de Renfe na provincia de Pontevedra emitiu un comunicado o pasado luns reclamando medidas urxentes para mellorar o servizo

Restablecida a circulación na liña ferroviaria León-A Coruña, entre San Clodio e Freixeiro

A circulación ferroviaria na liña León-A Coruña, entre as estacións de San Clodio e Freixeiro, que estaba interrompida desde este martes debido a un desprendemento, foi restablecida a pasada madrugada, segundo informaron fontes de Adif.

Así, un desprendemento entre esas dúas estacións, na provincia de Lugo, bloqueou a vía e provocou a rotura da catenaria. O incidente produciuse de madrugada, e non había trens en circulación.

Sobre as 3:45 horas deste mércores, a liña ferroviaria nese tramo (de vía única) xa quedaba operativa, despois de que operarios de Adif estivesen traballando na zona para despexar de terra e rocas a vía, e para repoñer a catenaria.

O Goberno, "preocupado" polos atrasos nos trens galegos

Os atrasos e cancelacións nos trens que se están rexistrando no servizo de media distancia en Galicia é un asunto que ten "preocupado" o Goberno, segundo recoñeceu este mércores o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco. "É verdade que todo o mundo está preocupado. Todos os traballadores, directivos e, desde logo, o Goberno, na parte que lle toca", asegurou Blanco, a preguntas dos xornalistas tras un acto celebrado en Pontevedra.

O dirixente explicou que se está "traballando intensamente" para resolver unha situación que, ao seu xuízo, en canto a atrasos, masificación ou a necesidade de máis medios, está "motivada" pola aposta "clara e decidida" do Goberno pola gratuidade dos desprazamentos.

Máis aló de "incidencias imprevisibles" como o desprendemento de rocas na vía que une Galicia con Madrid que, segundo o delegado, foi resolto de forma "intensa e inmediata", trataríase, segundo Pedro Blanco, na súa maioría de cuestións "técnicas". "Son problemas cos que estamos absolutamente concienciados", subliñou Blanco, que reiterou que se deben a "múltiples causas" que provocan "pequenos atrasos".

Sexa como sexa, sostivo o delegado do Goberno en Galicia, "estamos a tentar solucionalo de maneira dialogada co Adif e con Renfe para tentar restablecer unhas frecuencias suficientemente puntuais para responder as demandas dos usuarios".

Blanco asegurou que "non temos constancia oficial" de que estes problemas poidan estar a ser causados por unha posible folga encuberta en Renfe. 

BNG e PP piden que o ministro de Transportes dea explicacións

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha solicitude de comparecencia do novo ministro de Transportes, Óscar Puentes, para que informe sobre as medidas previstas para solucionar as deficiencias do servizo ferroviario con continuos atrasos en Galicia.

Rego insistirá ante o ministro en que é urxente “axustar os horarios, incrementar as frecuencias e ofertar un maior número de prazas para garantir un servizo fiable e que dea cobertura á demanda actual”.
 

Os deputados do PP de Galicia no Congreso tamén presentaron unha pregunta ao ministro para pedir explicacións pola mesma problemática. Entenden que o Goberno "non pode seguir impasible" ante unha situación que está afectando os servizos ferroviarios de toda a comunidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade