Sobe pola estada e descólgase pola corda da campá para roubar no interior da concatedral de San Xiao
Sobe pola estada e descólgase pola corda da campá para roubar no interior da concatedral de San Xiao
É o cuarto roubo en pouco máis dun mes
Alertan da inseguridade e cren que a colaboración dos fieis é fundamental para manter vixiado o templo
O ladrón conseguiu agocharse na concatedral de San Xiao unha vez pechadas as portas. Previamente gabeara polas estadas da torre que facilitan o acceso ao interior do templo.
"Rompeu unha claraboia, entrou e agarrou a corda da campá. Con ela, desde o órgano, descolgouse e accedeu á nave principal. Como non atopou nada, foi á sancristía. E para entrar rompeu a porta de madeira", explica Antonio Rodríguez Basanta, párroco da concatedral de San Xiao.
Na sancristía hai unha cámara de vixilancia que gravou o delincuente. Agora sospeitan que é o mesmo que o do roubo de días atrás.
"Ao ver que a cámara o enfocaba, puxo a capucha e non se lle ve a cara. Pero como se remangou, si se lle viron unhas tatuaxes e tamén as zapatillas brancas que levaba. Agora tratan de identificado", engade o párroco.
Desta volta o ladrón fuxiu cuns 50 euros. Un botín moi inferior ao das tres veces anteriores.
"Agora xa tomamos precaucións e non deixamos cartos. A primeira vez, o delincuente actuou durante a Misa. Daquela levara entre 300 e 400 euros. Temos que estar moi atentos", di Rodríguez Basanta.
Por iso, mentres duren as obras, os responsables da concatedral cren que, para mantela vixiada, é fundamental a colaboración dos cidadáns.