Sobe na provincia de Lugo o número de vivendas pagadas ao contado

Máis da metade dos fogares adquiridos o último ano foron comprados sen hipoteca

 

Félix Aragunde 29/11/2023 20:20 Última actualización 29/11/2023 20:32

Preto do 51 por cento das vivendas que se compraron na provincia de Lugo entre setembro de 2022 e agosto deste mesmo ano foron adquiridas sen necesidade de financiamento. Son datos de Abanca, que interpreta como un indicio da capacidade de aforro das familias lucenses.

En total, no último ano mercáronse case 1.150 vivendas no conxunto da provincia de Lugo. Delas, preto de 600 foron compradas ao contado, mentres que o resto das familias propietarias precisaron recorrer a unha hipóteca para asumir o pagamento.

Segundo o sector inmobiliario, esta tendencia responde á oportunidade de investimento que supoñen os bens inmobles fronte aos baixos xuros que veñen ofrecendo os depósitos bancarios.

Javier López Jato, director xerente dunha inmobiliaria: "A rendibilidade é moito maior. E se se dispón de aforros, non hai uns gastos en xuros que incrementan moito o valor da vivenda ao comprala".

Jesús Alonso, xerente dunha inmobiliaria: "Temos clientes que nos comentan que incluso ter os cartos no banco lles xera gastos e deciden cambiar o diñeiro ingresado por un produto inmobiliario, que dende o primeiro momento xera unha gran rendibilidade".

Por outra banda, o acceso a unhas hipotecas cada vez máis caras dificulta a compra dunha vivenda a quen precise non só financiamento para adquirila, senón tamén liquidez para afrontar os gastos que implica.

Ricardo Díaz, xerente dunha inmobiliaria: "Hai xente, sobre todo nova, que vai mirar un piso, quéreo comprar e despois ve que é imposible porque o banco lle financia sobre o 80 por cento. E falta o resto, como IVE, transmisión, ou rexistro, que poder supor uns 40.000 euros".

Tocante ao número de transaccións de vivendas, no sector sinalan que leva estancado no que vai de década.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade