O marisqueo regresa á ría de Pontevedra despois do episodio de alta mortaldade

"A pouca ameixa que se salvou está forte", din as mariscadoras de Campelo

Retoman o traballo cunha cota baixa para reservar o recurso para o Nadal

G24.gal 27/11/2023 14:14

As expectativas eran baixas e a preocupación grande. Pero, con horas de traballo e cotas baixas, as ameixas volveron encher os raños en Pontevedra. 

"O pouco que se salvou está resistente e forte. Menos mal que parou a choiva e veu algo de frío para a auga, se non perdiámolo todo".

"Fomos apañando a cota pouco a pouco, con moito traballo porque hai que buscar a que ten tamaño e se paga".

"Estabamos moi desilusionados pero as expectativas están algo mellor, a ver se damos traballado, é o único que pedimos", explica Raquel Gómez Moreira, a presidenta da Agrupación de Marisqueo a pé.

Unhas catrocentas profesionais regresaron hoxe aos bancos de Campelo e Lourizán despois do episodio de alta mortaldade polos temporais. Volven cun tope escaso, de cinco quilos de xapónica e un de fina por persoa, coa idea de dosificar o recurso para a campaña de Nadal.

"Vén a Ponte e despois o Nadal e mira como houbo que reducir, case non hai, morreu a maioría".

"Agardamos que non estea todo perdido e podamos traballar e facer algo no Nadal", explican as mariscadoras.

Agora está por ver se a cotización que acaden esta tarde na lonxa devolve a esperanza a un sector desesperado.

"Eu vexo todo moi difícil, ao ter menos cantidade son menos cartos a ingresar, non só é salvar o Nadal eu penso no ano que vén".

"Aquí hai moitas familias vivindo disto, que vai ser delas? Nalgúns casos dependen totalmente do mar", comenta Mari Carmen Vázquez, patroa maior de Lourizán.

Hoxe tamén retoman a actividade os mariscadores a flote na ría de Pontevedra. Á falta de centola, agardan que a ameixa collera tamaño e lles devolva algo de alento despois dun ano para esquecer.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade