OPINIÓN

Reducir a fiscalidade aos alimentos do mar aumentaría o seu consumo, por María Loureiro

G24.gal 29/11/2023 08:08

Xusto onte, Gonzalo Rodríguez, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e membro do Grupo de Investigación de ECOPESCA, e mais os seus colaboradores Andrés González, María do Carme García Negro e  Fernando González Laxe presentaron o estudo titulado Efectos económicos e distributivos da redución do IVE no sector pesqueiro. A análise basicamente estima os efectos da redución do IVE do 10 % ata un 5 %, e así similar ao que podería acontecer se o peixe entrase dentro dos alimentos a que o goberno aplicou o IVE súper reducido para paliar o aumento da inflación.

A simulación da conta de dous escenarios extremos: un en que o traspaso da rebaixa do IVE se traslada totalmente ao consumidor final, é dicir, neste escenario, as empresas non aumentan prezos de forma estratéxica e aumentan marxes industriais debido á baixa do IVE, facendo que o consumidor goce enteiramente desa rebaixa; mentres, no outro extremo simúlase que as empresas non dan este paso definitivo e interiorizan nas súas contas toda a redución do imposto, o cal implica que o consumidor non se beneficia de nada da rebaixa porque as empresas aproveitan para subir os beneficios e manter os prezos no seu nivel inicial. Aos efectos prácticos,l os investigadores non cren que a transferencia real de prezos se sitúe en ningún dos extremos dos escenarios descritos, aínda que como proban estudos existentes sobre a transferencia da rebaixa do IVE aplicada polo Goberno central a determinados produtos, esta se situou ao redor do 90 %, máis próxima ao primeiro dos escenarios.  

No primeiro suposto, o impacto directo, indirecto e inducido no conxunto da economía galega traduciríase nun incremento total do valor engadido bruto (VEB), sería positivo en 28,5 millóns de euros, sinalando que se poderían crear até 5.575 empregos —non só en pesca, senón no conxunto de actividades— e a recadación fiscal caería en 17,8 millóns de euros na comunidade autónoma.

No segundo suposto, en que non se traslada a rebaixa aos consumidores finais, o total do impacto materializaríase nun incremento do VEB de 19,1 millóns no conxunto da economía, con ata 1.232 postos de traballo adicionais que se poderían crear e un custo fiscal de 33,8 millóns de euros.

A análise en termos de microeconomía reflicte na súa simulación incrementos de consumo superiores ao 5 % para os produtos da pesca de baixura; ou, dito doutro modo, a demanda é elástica para esa tipoloxía de pesca, do 3,4 % na de litoral e do 3,2 % para os que captura a frota de altura, e un incremento por riba do 4 % para o consumo da produción da acuicultura. 

En resumo, o estudo amosa que canta máis rebaixa do IVE se pase aos consumidores máis grandes son os beneficios económicos sociais polo efecto multiplicador noutros sectores. Tamén amosan que aínda que os custos da rebaixa fiscal son significativos, estes poderían ser aliviados ou compensados se dentro da cadea de valor se creasen empregos e se reinvestise no sector. E todo iso sen considerar os impactos á saúde e outros posibles beneficios á poboación que máis se vería beneficiada pola caída de prezos, que sería a poboación desfavorecida. En definitiva, ideas para pensar…

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade