A Xunta aposta por potenciar a eólica para paliar o "déficit enerxético"
A Xunta aposta por potenciar a eólica para paliar o "déficit enerxético"
A conselleira de Economia compareceu no Parlamento para explicar as liñas estratéxicas do seu departamento
BNG e PSdeG criticaron o modelo industrial do Goberno galego

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, apostou por potenciar as enerxías renovables para paliar o "déficit enerxético" da comunidade, sobre todo da eólica, coa instalación de entre 400 e 500 megawatts anuais.
Segundo manifestou na súa comparecencia no pleno do Parlamento, para explicar as liñas estratéxicas do seu departamento, a enerxía eólica está actualmente "paralizada" con só 28 megawatts instalados en 2022, mentres existen 32 iniciativas empresariais que necesitan no seu conxunto ata 8 teravatios/hora adicionais de electricidade ao ano.
Así, destacou que "se se mantivese un ritmo de instalación de potencia media nos próximos anos de 400 a 500 megawatts en 10 anos poderíanse xerar entre 1.840 e 2.950 empregos estables adicionais" e axudaría a paliar "a problemática enerxética que ten a industria galega".
Lorenzana advertiu da "discriminación" de Galicia tanto no financiamento cos fondos europeos, como na planificación das infraestruturas eléctricas, polo que cargou contra o Goberno central e as consecuencias das súas políticas na situación da industria galega. Segundo denunciou, Galicia só recibiu 434 millóns de euros dos diferentes Pertes, polo que "é unha comunidade discriminada con respecto a outras no financiamento dos proxectos tractores"
A conselleira instou a BNG e PSdeG a comprometerse para reclamar ao Goberno "coa mesma forza" que a Xunta os fondos que necesitan os proxectos tractores, como os de Stellantis, Altri ou Resonac.
O BNG di que o modelo industrial do PP é o da liberalización
A deputada do BNG Noa Presas respondeu que o seu partido xa pediu desde o primeiro momento a xestión directa por parte de Galicia dos fondos europeos e seguirá reclamando "un trato xusto", pero instou a Lorenzana de non "culpar aos demais da súa incapacidade" e o seu "suspenso en materia económica e industrial".
Presas denunciou que o modelo industrial do PP é o da "desregulación absoluta", e reprochou á conselleira que rebaixasen de tal maneira os requisitos para considerar un proxecto industrial estratéxico que "a este paso, ata un posto de limonada vai ser considerado estratéxico sempre que detrás haxa un amiguete do PP".
O PSdeG acusa ao PP de "carencia de política económica"
Pola súa banda, o deputado do PSdeG Gonzalo Caballero asegurou que a Xunta pode contar co apoio do seu partido para calquera reclamación que sirva para mellorar a vida das persoas, pero non apoiará "unha escapada da súa responsabilidade cando non sabe que facer coa política económica".
Para Caballero, o departamento que dirixe Lorenzana "non responde os problemas" reais de Galicia e "carece de política económica", xa que a substituíu por "unha repartición de bonos" que só son "parches" e promesas preelectorais.
O PPdeG defende a xestión da Xunta
O deputado do PPdeG Moisés Rodríguez Pérez defendeu que a xestión da Xunta fronte ás "decisións improvisadas" do Goberno central que quere "destruír a industria galega", mentres que achacou as críticas da oposición a que están "moi enfadados coa normalidade e estabilidade de Galicia".