Rueda defende os seus orzamentos e a política de vivenda fronte a Pontón e Besteiro
A voceira do BNG pide á Xunta un plan para a "xente que quere vivir en pisos dignos"
O líder do PSdeG acusa o Goberno de Alfonso Rueda de elaborar uns orzamentos "que resolven os problemas do 4 % que benefician vostedes"

Alfonso Rueda defendeu este martes o proxecto de orzamentos da Xunta para 2026 e a política de vivenda da súa administración na sesión de control no Pleno do Parlamento, ante as preguntas dos líderes do PSdeG e o BNG, José Ramón Gómez Besteiro e Ana Pontón.
A voceira nacional do BNG instou ao presidente da Xunta a poñer en marcha "un plan de compra masiva de vivenda para poñela en alugueiro", "adquirir todas as vivendas protexidas que se poñan á venda" e "deixar de boicotear as declaracións de zonas tensionadas".
"Os galegos e galegas non queren vivir en baixos, queren vivir en pisos dignos, exactamente igual que vostede", díxolle Pontón a Rueda, e criticou como "ocorrencia" a proposta de destinar baixos comerciais a uso residencial proposto pola Xunta. "Viviría vostede nun deses baixos?", preguntoulle a Rueda por dúas veces.
O presidente da Xunta na súa resposta asegurou que "a nosa máxima responsabilidade é facer vivendas, por iso imos dobrar o parque público de 4.000 a 8.000", e cualificou a vivenda como "proxecto estrela" do seu Goberno.
En canto ao proxecto de habilitar baixos como vivendas dixo que é "unha opción máis", e defendeu que de facerse teñen que cumprir as normas de habitabilidade e os códigos de edificación. Rueda acusou o BNG de "condenar" todas as persoas que están valorando esta opción.
José Ramón Gómez Besteiro, pola súa parte, criticou que o proxecto de orzamentos da Xunta para 2026 por non dar resposta a problemas sociais como os "22.600 demandantes de vivenda, 50.000 persoas en espera na sanidade, 349 días de espera para unha resolución da dependencia". "Esa é a Galicia real, señor Rueda", díxolle ao presidente da Xunta.
Besteiro instou o presidente da Xunta a aceptar a condonación da débeda proposta polo Goberno central para aliviar as contas da Administración galega.
O líder dos socialistas galegos asegurou que os orzamentos, coas súas rebaixas fiscais, resolven os problemas "ao 4 % que beneficia vostede, ano tras ano, fiscalmente".
Rueda, na súa resposta, asegurou que "o 98,5 % das rebaixas fiscais que ten a Xunta de Galicia benefician as rendas medias e baixas", e defendeu a seguridade e fiabilidade económica que xera o feito de que o seu Goberno aprobe os orzamentos fronte ás últimas prorrogas das contas do Executivo central. "É moi difícil ser coherente sendo sanchista", dixo, "ou sexa, é bo que en España non haxa orzamentos e malísimo que en Galicia os haxa".
En canto á proposta sobre a condonación da débeda preguntoulle a Besteiro "por que me vén outra vez co recado que lle mandan, a ver se nos convence?". Rueda díxolle a Besteiro que minte "cando di que podemos aforrar 3.000 millóns que podemos dedicar á sanidade, á educación ou ao que queiramos". "Xa rebaixou a conta a 600 millóns, non ve que se pilla antes a un mentireiro que a un coxo", espetoulle.