Os triunfos de Celta Fortuna e Lugo provocan os despedimentos dos adestradores rivais
Os triunfos de Celta Fortuna e Lugo provocan os despedimentos dos adestradores rivais
O exdeportivista Óscar Cano colle a remuda no Sabadell
O único equipo que non gañou foi un Deportivo que segue a deambular pola categoría
O Celta Fortuna non perdoou na súa visita ao Teruel e fíxose con tres puntos que o colocaron temporalmente á cabeza da clasificación. Os goles chegaron tras o descanso, cando Giráldez aproveitou para mover o banco. Marcou primeiro Sanchís en propia meta e no 79 Miguel Román. Os celestes son segundos na táboa tras a vitoria da Cultural.
O Lugo tamén gañou, aínda que pola mínima, no campo do pechacancelas, o Sabadell, equipo que dende este luns adestrará Óscar Cano. Vitoria moi traballada dos de Munitis. Marcou Antonetti no minuto 87. Levaba apenas dez no campo. O Lugo sobe ata a sétima praza, a un punto dos postos de promoción para o ascenso.
O Arenteiro chegou aos dezasete puntos esta fin de semana tras impoñerse ao Cornellá en Espiñedo. Vitoria fundamental, de novo na casa e ante un rival da súa liga. Vicente Esquerdo fixo o único gol do encontro. A marxe sobre o descenso dos do Carballiño xa é de seis puntos.
O empate entre Deportivo e Tarazona no último minuto frustrou o pleno de vitorias galegas na Primeira Federación. Os coruñeses visitaban un rival que apenas o incomodou, pero volveuno lastrar a falta de gol. Jaime Sánchez fixo o único dos herculinos no minuto 85. Incapaz de pechar o encontro, o Deportivo atopouse co tanto rival no tempo engadido. Non é a primeira vez que o Deportivo ten este tipo de tropezos e perde puntos que poden valer o seu peso en ouro a finais de temporada.