Os bombeiros comarcais levan a súa protesta á Coruña para pedir mellores condicións
Os bombeiros comarcais levan a súa protesta á Coruña para pedir mellores condicións
Tras a manifestación de Ourense da pasada semana, en que houbo enfrontamentos coa policía, a deste venres transcorreu sen incidentes
Os traballadores dos parques comarcais piden unificar as retribucións e mellores dotacións de medios e persoal

Os bombeiros comarcais manifestaronse este venres diante da Deputación da Coruña. A mobilización transcorreu con normalidade. Os bombeiros piden unificar retribucións é que o salario máis baixo acade os 32.000 euros. Tamén máis medios e persoal, porque segundo dixeron "non estamos seguros nós nin tampouco as vítimas".
As 4 deputacións provinciais consideran excesivas as demandas, e recordan que as condicións do colectivo melloraron moito dende que a xestión dos parques volveu ao sector público.
O colectivo de bombeiros de parques comarcais, que suma 439 persoas en Galicia, concentrouse ante a Deputación da Coruña, na primeira mobilización despois da celebrada en Ourense que incluíu unha intervención policial.
A Policía Nacional identificou de forma individual a todas as persoas presentes, unhas 300 de 24 parques comarcais de Galicia. Tras a pancarta "A nosa loita é a vosa vergoña", leron un manifesto no que advirten dos problemas do seu labor.
Denuncian que a súa actividade inclúe situacións de "festividade, nocturnidade, turnicidade, perigo, penosidade e toxicidade" e que non son retribuídas.
Acusan ademais ao anterior presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de perpetuar "o sistema privado de bombeiros precarios" e ao actual, Alfonso Rueda, de ser "defensor sen concesións do sistema privado de bombeiros".
Tamén criticaron aos titulares das deputacións provinciais, que presiden os consorcios de bombeiros, pola falta de diálogo.