Os bateeiros coñecen os avances do plan galego que busca mellorar a xestión da mexilla

Nunha instalación da ría de Muros proban superficies de cultivo e modos de enganche, nunha das experiencias para atopar alternativas na captación de cría para abastecer o sector

G24.gal 29/11/2023 14:50

Que o sector poida coñecer a distribución da mexilla no litoral rochoso é un dos obxectivos do proxecto Apromex, que ten avaliados xa máis de seiscentos puntos na costa galega. Outro é buscar vías alternativas na captación de cría para abastecer o sector.

Desde onte traballan na ría de Muros, nunha instalación onde irán probando superficies de cultivo e modos de enganche.

O director do Centro de Investigacións Mariñas, Carlos Gabín, explica que "a intención é chegar en dous ou tres anos a ter o rendemento máximo dunha cuadrícula dedicada exclusivamente á captación de semente".

Doutro sistema que se deu con éxito no CIMA, o dos criadeiros, hai varias experiencias en marcha. Consiste en fecundar a larva e cultivala ata que a cría mida aproximadamente medio milímetro, antes de darlla aos bateeiros.

"Das entregas que fixemos o ano pasado á altura de maio, xuño e xullo ese mexillón xa está vendido", di Carlos Gabín. 

Estes son algúns dos datos que lle presentaron ao sector nunha xornada de formación.

Desde OPMEGA, Lino Suárez di que "a actividade do mexillón é unha actividade tradicional. Levamos moitísimos anos facendo sempre o mesmo. Pero loxicamente está o cambio climático ou outros tipo de temas que nos afectan directamente e isto realmente é complementario".

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, engade que "as rochas, o medio natural vai ser fundamental pero tamén haberá xeitos artificiais. Todo o coñecemento que neste caso se poida facer e que poidan ser complementarios. Sempre con diálogo".

O venres comeza a campaña de recollida de mexilla. Desta volta os bateeiros contarán cunha nova ferramenta. Unha aplicación onde poden rexistrar o lugar e a hora en que extraen a cría, como indica o regulamento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade