De la Fuente nega coñecer as presións que denuncia Hermoso
De la Fuente nega coñecer as presións que denuncia Hermoso
O técnico non se atopaba na reunión organizada polo departamento de Integridade da RFEF
Pablo García Cuervo e Enrique Yunta aseguran que Jenni Hermoso deu consentimento para publicar o comunicado

O seleccionador español de fútbol Luis de la Fuente compareceu este xoves na Audiencia Nacional para testemuñar na investigación do expresidente da RFEF Luis Rubiales, cando estaba á fronte da selección española. De la Fuente negou estar ao tanto das presións que a xogadora Jenni Hermoso denuncia sufrir de Rubiales e da súa contorna para que dixese que o bico na boca que lle deu o seu superior na final do Mundial foi consentido.
Nesta xornada tamén compareceron ante xuíz o exdirector de comunicación da RFEF Pablo García Cuervo e o subdirector Enrique Yunta. Estes últimos tamén se desmarcaron das presións que denuncia Hermoso. García Cuervo, que acabou sendo destituído, explicou que a xogadora internacional deu o seu consentimento para enviar unhas declaracións en que restaba importancia á escena do bico, a pesar de que ela dixera que a deixasen porque estaba cansa e non falaría máis do tema.
O exdirector de comunicación da RFEF redactara aquel comunicado conforme ás declaracións que Jenni Hermoso prestara á Cadena Cope tras a vitoria da selección, indicando que Luis Rubiales coñecía o contido do comunicado, que tamén se lle ensinara á xogadora. O técnico asegurou que descoñece as presións que denuncia sufrir a internacional, que aínda ten que declarar na causa.
O seleccionador De la Fuente, que estivo na final do mundial celebrada en Sidney e viaxou no avión de volta co equipo e demais membros da Federación, asegura que non foi consciente das ditas presións. Tamén asegura non saber nada sobre as presións que a xefa de prensa do conxunto feminino Patricia Pérez dixo sufrir na investigación interna do departamento de Integridade da RFEF, que derivou un informe exculpatorio para Rubiales sen escoitar a Jenni Hermoso.
Testemuños acordados
Para ese informe, o departamento de Integridade solicitou o testemuño de Pérez, nunha reunión de tres horas celebrada no despacho de Rubiales. Sobre esta, Yunta e García Cuervo explicaron que desde a Federación se enviara previamente un bosquexo das preguntas e respostas á xefa de prensa. A esta última pedíuselle que matizase e cambiase o que estimase adecuado, indicando que tivo total liberdade para facelo.
De la Fuente negou estar presente nesa reunión, aínda que indicou que se atopaba preto das dependencias onde esta tivo lugar para falar con daquela presidente da RFEF sobre asuntos deportivos da selección masculina. O seleccionador asegurou non saber de que se falou no procedemento interno de Integridade, pero recoñeceu que houbo movemento de persoas.
O xuíz investiga nesta causa a Luis Rubiales, ao exseleccionador feminino Jorge Vilda, ao director da selección masculina Albert Luque e ao director de Marketing Rubén Rivera. O vindeiro 16 de novembro, o xuíz escoitará os testemuños da xogadora Laia Codina e do presidente do Comité Nacional do Fútbol Feminino Rafael del Amo.