O Goberno central asegura que a elección dos proxectos de hidróxeno seguiu criterios obxectivos

O delegado do Goberno en Galicia asegura que en cada convocatoria se seleccionan os proxectos mellor puntuados con criterios exclusivamente técnicos

Galicia recibiu 38 millóns de euros nas convocatorias resoltas ata o de agora, o que supón o 9% do total do país

Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia (segundo pola dereita) nunha reunión en Vigo o pasado xoves (EFE) Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia (segundo pola dereita) nunha reunión en Vigo o pasado xoves (EFE)
G24.gal 01/12/2023 17:54

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, rexeitou este venres que o Ministerio para a Transición Ecolóxica agraviara a Galicia por deixar fóra do programa de fondos europeos cinco proxectos de hidróxeno verde presentados na comunidade e asegurou que a elección foi “por criterios técnicos e obxectivos”.

Segundo o Goberno, a demanda de axudas para proxectos de produción de hidróxeno supera de sobra a oferta, e en cada convocatoria selecciónanse os proxectos mellor puntuados con criterios exclusivamente técnicos, con independencia da rexión onde se sitúen.

Blanco respondeu así ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que este venres criticou que só un proxecto galego vaia recibir fondos europeos, a planta de amoníaco verde que o grupo sueco Universal Kraft prevé instalar nas Pontes.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica adxudicou 150 millóns de euros da segunda edición do programa H2 Pioneiros a doce novos proxectos innovadores de hidróxeno renovable, pero Blanco lembrou que aínda quedan preto de 2.600 milóns por repartir en sucesivas convocatorias.

Dende o Goberno central lembran que Galicia recibiu 38 millóns de euros nas convocatorias resoltas ata o de agora, o que supón o 9% do total do país. A esa cifra, previsiblemente, sumaranse os 15 millóns desta última convocatoria.

Con todo, o delegado do Goberno insistiu en que hai proxectos que nesta convocatoria non recibirán subvención porque se esgotou o orzamento, pero que si poderán acceder a fondos para outras oportunidades "no futuro".

Tamén subliñou que non hai unha repartición territorial, senón que se priorizan os proxectos máis firmes, segundo criterios técnicos previamente determinados.

En base a iso, Blanco rexeitou as protestas do Goberno autonómico e insistiu en que “estaría ben que a Xunta asuma dunha vez por todas as competencias en enerxía e empece a poñer investimentos encima da mesa”. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar