O exército de Israel anuncia que cercou a cidade de Gaza e que ataca obxectivos de Hamas
O exército de Israel anuncia que cercou a cidade de Gaza e que ataca obxectivos de Hamas
Estanse producindo combates corpo a corpo cos milicianos palestinos, que intentan frear o seu avance
Evacuado un segundo español de Gaza. Outros 180 esperan para saír
O exército de Israel anuncia que xa completou o cerco á cidade de Gaza e que está atacando obxectivos de Hamas. Tanques e tropas a pé combaten cos milicianos palestinos, que intentan frear o seu avance.
Ademais, Israel alcanzou a principal estrada costeira da franxa, co que consegue dividila pola metade.
Nunha visita ás tropas, o primeiro ministro Benjamin Netanyahu dixo que a guerra está no seu punto álxido. E que nada deterá a Israel. Nin sequera as chamadas dos múltiples organismos internacionais que piden un cesamento do fogo humanitario. Os datos de ofrecen revelan unha situación agónica na Franxa. Dezaseis dos trinta e cinco hospitais xa non están operativos, entre eles o único oncolóxico. Os campos de refuxiados superan catro veces a súa capacidade. E máis da metade da poboación depende da axuda humanitaria para sobrevivir.
"Isto non é vida. Vivimos como animais", di unha muller refuxiada, que afirma que comen unha vez ao día, que beben auga salgada e que dormen no chan.
Así que, os que poden, apuran para saír da franxa. O paso de Rafah estivo este xoves aberto durante unhas horas para seguir trasladando enfermos a hospitais de Exipto e para evacuar os estranxeiros e os palestinos con dobre nacionalidade. Saíron uns 400. Algúns vanse chorando, contentos pola súa sorte, pero tristes, conta esta muller, polo futuro que espera aos familiares e amigos que deixan en Gaza.
O goberno español estima que antes da fin de semana poderán saír da franxa entre 140 e 180 cidadáns con nacionalidade española. Este xoves conseguiu cruzar o paso de Rafah o segundo evacuado, un español que traballaba nunha oficina da ONU en Gaza.