Publicador de contidos

Publicador de contidos

A exparella de Ábalos achega os case 44.000 euros que cobrou sen traballar en empresas públicas como eventual responsabilidade civil

A exparella de Ábalos achega os case 44.000 euros que cobrou sen traballar en empresas públicas como eventual responsabilidade civil

Tragsatec e Ineco comunicaron o ano pasado ao xuíz instrutor que pagaron a Rodríguez un total de 43.978,40 euros durante o período comprendido entre 2019 e 2021

Eduardo Parra / Europa Press Eduardo Parra / Europa Press
G24.gal 27/10/2026 23:13

Jéssica Rodríguez, exparella do exministro de Transportes José Luis Ábalos, entregou á Audiencia Nacional, que a investiga no caso Koldo, os case 44.000 euros que cobrou nas empresas públicas Ineco e Tragsatec sen acudir ao traballo. A cantidade achegouse en concepto de eventual responsabilidade civil no proceso xudicial.

Nunha providencia deste martes, o xuíz Ismael Moreno dá conta de que Rodríguez achegou o "xustificante do ingreso da consignación efectuada, por importe de 39.950,54 euros, como responsabilidade civil derivada dos feitos que se lle atribúen, xunto cos 4.000 ingresados o pasado 14 de outubro".

Moreno comunica este feito á Fiscalía Anticorrupción para que "informe se procede" neste momento da causa "ter por consignada a dita cantidade".

Tragsatec e Ineco comunicaron o ano pasado ao xuíz instrutor que pagaron a Rodríguez un total de 43.978,40 euros durante o período comprendido entre 2019 e 2021, no que estivo contratada en ambas as compañías públicas. Segundo recoñeceu ela mesma cando declarou meses antes ante o Tribunal Supremo, non realizou ningún traballo durante ese tempo.

A Audiencia Nacional imputou este ano a muller, que alegaba que os feitos polos que se investiga xa foran xulgados no xuízo do caso mascarillas, polo que o Supremo condenou a Ábalos a 24 anos de prisión. Nese proceso tamén se abordou a contratación de Rodríguez, que foi chamada a declarar como testemuña.

Para o xuíz, na sentenza do Supremo "non se resolveu unha responsabilidade penal" sobre Rodríguez nin se xerou "cousa xulgada".

O maxistrado citouna a declarar e Rodríguez acolleuse ao seu dereito a non facelo.

A Fiscalía Anticorrupción solicitou que fose imputada porque "non só non desempeñou ningún traballo nas empresas que a contrataron, senón que o propósito fundacional do plan criminal era, precisamente, que non traballase e, malia iso, percibir un salario mensual".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade