O exército de Israel retoma os ataques na Franxa de Gaza

Israel acusa a Hamas de violar a "pausa operativa" e, ademais, disparar contra o seu territorio

Os islamistas confirman a morte de catorce persoas e anuncian que responderán con "firmeza e heroísmo"

Qatar, mediador no conflito, lamenta a fin da tregua pero asegura que se está traballar para recuperala

G24.gal 01/12/2023 06:27 Última actualización 01/12/2023 10:45

Israel reiniciou as operacións de combate contra Hamas en Gaza este venres, 1 decembro. O goberno de Tel Aviv tomou a decisión despois de acusar o grupo terrorista palestino de lanzar mísiles contra territorio israelí incumprir o acordo para liberar todas as mulleres que Hamas retén desde hai semanas como reféns, o cal Israel considera unha violación do acordo de tregua temporal.

Ese cesamento do fogo de sete días, que comezou o 24 de novembro e foi prorrogado dúas veces, fixo posible o intercambio de ducias de reféns de Hamas por prisioneiros palestinos. Foron liberados en total 105 reféns capturados en Gaza, 81 israelís e 24 estranxeiros, por 240 presos palestinos en cárceres hebreos. A tregua facilitou ademais a entrada de axuda humanitaria á Franxa de Gaza. 

Unha hora antes de que a tregua expirase de novo, Israel anunciou que acababa de interceptar un foguete lanzado desde o territorio controlado por Hamas. 

Nun comunicado, o exército israelí dixo: "Hamas violou a pausa operacional e ademais disparou cara a territorio israelí. As Forzas de Defensa de Israel retomaron os combates contra a organización terrorista Hamas na Franxa de Gaza".

Pola súa banda, o Ministerio de Interior de Gaza, controlado por Hamas, confirmou que "a aviación israelí sobrevoa a franxa e os seus vehículos abriron fogo no noroeste do enclave".

As columnas de fume polas bombas volven ao ceo de Gaza (Reuters) As columnas de fume polas bombas volven ao ceo de Gaza (Reuters)

O grupo islamista Hamas asegurou que responderá con "firmeza e heroísmo" ante estes novos ataques das forzas israelís e confirmou a morte de catorce persoas por causa dos últimos bombardeos. "Enfrontamos os crimes do inimigo, o reinicio da súa agresión nazi e os seus ataques contra civís", indicou Hamas nun comunicado.

Algúns medios palestinos afirman que os ataques israelís abarcan o norte e sur de Gaza, incluídas áreas residenciais. Ademais, os milicianos de Hamas enfróntanse ás forzas terrestres israelís na vía Saladino, que servía para a evacuación de desprazados do norte cara ao sur da franxa.

Pola súa banda, Qatar, clave mediador entre Israel e Hamas, afirmou que as negociacións continúan para "volver á tregua", que venceu esta mañá, e expresou hoxe o seu "profundo pesar" polos novos ataques israelís contra a Franxa de Gaza.

"A negociación entre as partes palestina e israelí continúa co fin de volver á tregua", dixo o Ministerio de Exteriores.

Subliñou tamén que Qatar, que mediou xunto con Exipto e Os Estados Unidos a pausa humanitaria caducada esta mañá, "está comprometido, xunto cos seus socios mediadores, a continuar os esforzos que levaron á tregua humanitaria e non dubidará en facer todo o necesario para volver á calma".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade