O Celta Fortuna gaña con sufrimento en Las Gaunas logo de merecer unha goleada (2-3)

Os de Giráldez crearon unha chea de ocasións, pero víronse dúas veces por detrás no marcador

Fer López e Pablo Durán marcaban os goles da remonta final

G24.gal 03/12/2023 18:41

Ao Celta Fortuna faltoulle iso, fortuna, pero sobráronlle carácter e determinación para levar os tres puntos do feudo da Sociedade Deportiva Logroñés nun partido que puido quedar decidido en 20 minutos pero que o filial non puido gañar ata o 91.

O inicio dos de Giráldez foi asoballador. Ata sete oportunidades claras en media hora, incluídas dous paus, un de Alfon e outro de Hugo Álvarez. O Celta chegaba por onde quería e cando non eran os ferros ou a falta de precisión era o gardameta Iru o que aparecía de xeito decisivo.
Pois ben, na única chegada do Logroñés veu o gol. Minuto 35. Disparo afastado de Ezkurdia que sorprende o gardameta César Fernández. O porteiro internacional sub-19 estreábase na categoría con este erro.

O gol deixou tocado o celta Fortuna, que dominou pero sen ocasións ata que chegou o empate. O pase de Damián atopa a Bruno que desvía axeitadamente á rede. Os celestes case non celebraron o gol. Querían máis. Case o atopa Fer López, pero Iru evitouno.

Pero parecía que os fados estaban contra os vigueses, xa que apañaron un novo gol, outra vez desafortunado. Javi Rodríguez, na súa tentativa de despexe, marca na súa meta.

Podía ser o golpe definitivo para calquera equipo pero non para este, que exhibiu todos os seus recursos. Neste caso, ao balón parado, nas segundas xogadas. Dispara Pablo Durán e desvía Fer López á rede. Era o minuto 86. Quedaba pouco pero podía ser suficiente para un equipo disposto. Buscou a vitoria e atopouna nunha acción parecida. Disparo desde a frontal de Hugo Álvarez e irrupción en posición correcta de Pablo Durán para completar a remonta. Minuto 91. Foi o emocionante epílogo dun partidazo. Os xogadores deitados sobre o céspede evidenciaban o enorme esforzo deste equipo para seguir entre os mellores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos